Beiras prognostica a "inexorable derrota" do PP: "van fuxir como ratos"

Xosé Manuel Beiras, líder de AGE CC-BY-SA AGE

Hai poucos días Xosé Manuel Beiras explicaba, nunha entrevista con Praza Pública, que ao comezo da campaña electoral advertiu no seo da Alternativa Galea de Esquerda de que ía ter que “administrar moito as enerxías” e que unha “campaña ao uso” non ía estar ao seu alcance. O cabeza de cartel de AGE detallaba tamén que, pouco despois, el foi o primeiro “sorprendido” ao ser quen de afrontar unha carreira electoral en toda regra, aínda que isto o obrigue a “recargar a batería” sempre que pode, porque nos mitins gasta “máis enerxía da que debe”. O acontecido este mércores en Compostela foi unha boa mostra.

En AGE non dubidaban de que o da capital non ía ser un mitin máis. As conservadoras previsións de aforo da sala de concertos na que se celebrou o acto ficaron superadas máis de vinte minutos antes do inicio, cando as algo máis de duascentas cadeiras dispostas a xeito de platea xa non foron dabondo. Tampouco foron suficientes as outras tantas localidades da zona do palco nin o recibidor, nin as escaleiras da entrada. O local rebordaba e, con tanta xente dentro coma fóra, arredor dun milleiro de persoas escoitaron ao histórico nacionalista prognosticar a "inexorable derrota do PP" o 21 de outubro, da que AGE, asegura, vai ser a "chave decisiva". "Van fuxir coma ratos", proclama.

Beiras: "Non estamos atacando a quen non ten sentido atacar neste intre"

Para Beiras o movemento xerado arredor da coalición que encabeza é "unha bóla de neve" que non deixa de medrar. "Nós somos os que imos librar un combate para acabar co espolio do noso país", "non nos van chuchar o sague os nazi-necios", atronou mentres, entre aplausos, metía no mesmo saco a Alberto Núñez Feijóo ou a Angela Merkel. O "espolio", di, vai das caixa á cultura, da sanidade aos servizos sociais. Pero iso, asegura, "rematou". "Iso acábaselles o 21 de outubro", cando, asegura, "imos facer o que soñaban os nacionalistas históricos". Por iso "non nos confundimos de inimigo", enfatiza, "non estamos atacando a quen non ten sentido atacar neste intre", a ningueń máis que "aos espoliadores que están destruíndo incluso o escaso edificio de autogoberno limitado", que "foi logrado en 1981 co sangue de Bóveda, dos comunistas, socialistas e republicanos, co sangue dos guerrilleiros e das mulleres que os apoiaban e que foron masacradas coma eles". "Todo iso foi o que custou chegar" á autonomía e por iso, di, "é indecente e unha traizón ao pobo facer o que están facendo".

"Non abonda con paralos, cómpre desaloxalos"

"Só por iso" Beiras xa identifica motivos dabondo para "desaloxar" o PP das institucións de autogoberno. "Non abonda con paralos, cómpre desaloxalos" non só para conformar unha nova maioría no Pazo do Hórreo, argumenta, senón para "comezar a darlle a volta polo forro ás institucións suplantadas" polo "franquismo sen Franco que representa esta barbarie no poder". "As eleccións galegas non son simplemente unhas eleccións galegas", asegura, "está en xogo se aquí o despotismo sen ilustración de Rajoy" vai levar "o mesmo varapau que vai levar en Euskadi". "O 21 arrasaremos e contribuiremos a abrir un novo ciclo político na nosa nación" pero tamén no conxunto do Estado. "Sede os protagonistas -arengou-, levádenos ao Parlamento e, se non funcionamos, revogádesnos!".

"Non imos parar ata que vexamos esposados aos responsables do desmantelamento do sistema financeiro galego", di Díaz

A chamada de Beiras a desaloxar da Xunta a un Feijóo "ágrafo" que "non le porque lle ten alerxia á letra escrita" chegaba despois de que polo atril pasase Yolanda Díaz. Entre as múltiples bandeiras galegas estrela e as dúas enseñas da República española que flanqueaban o escenario a número dous da candidatura de AGE pola Coruña e líder de Esquerda Unida debullou parte das propostas da coalición para "botalos, acabar con eles", en referencia ao PP. Dende a derrogación da Lei de Familia ou da Lei de Augas ata a implantación dunha renda básica e a expropiación do parque de vivendas dos bancos, pasando por advertir de que "non imos parar ata que vexamos esposados aos responsables do desmantelamento do sistema financeiro galego". "Convencede a todos os homes e mulleres que non van votar" de que poden "ser corresponsables da maioría absoluta do PP", animou. "Estamos facendo historia, estamos transformando o país". "Venceremos", asegura.

Xosé Manuel Beiras, líder de AGE CC-BY-SA AGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.