O BNG emenda á totalidade as contas do Estado de 2013, "o orzamento da banca"

Davila, nunha sesión no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

"Os Orzamentos dos recortes e da banca". Deste xeito resume a deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila as contas públicas para 2013 que o Goberno central xa tramita na Cámara Baixa. As parlamentarias nacionalistas veñen de presentar unha emenda á totalidade deste proxecto económico do gabinete de Mariano Rajoy xa que, ademais de "máis paro e máis crise", din, traerán consigo novas tesoiradas que converten o orzamento en "irreal". "Quedará sobrepasado se o Goberno pide o rescate despois das eleccións galegas", di Davila.

En opinión da deputada do Bloque os Orzamentos de 2013 "abandona a xente", ao reflectir que haberá "menos educación, menos sanidade e nada de dependencia" mentres se dedica "unha cantiade exorbitante a pagarlle á banca os xuros da débeda", que "aumentan nun 34%". Por iso, explica, "son os orzamentos da banca". Trátase, polo tanto, di Davila, dunha "claudicación" máis "ás demandas de Alemaña e dos mercados" financeiros, aínda que para isto haxa que "castigar a xente con máis recortes naqueles eidos que se precisan máis fortes nun contexto de crise económica". Isto acontece "cando máis se deberan afortalar a educación e a sanidade pública" e "máis se debera recortar en gasto supérfluo e en capítulos como defensa". 

"Afogan as comunidades autónomas, que son as que fan fronte aos servizos básicos", di Davila

Porque a distribución dos recortes non é equitativa, censura. Mentres o Executivo central "afoga as comunidades autónomas, que son as que fan fronte aos servizos básicos", reducindo con intensidade nos "ministerios qeu concentran a maior parte do investimetno social, como Educación -17,2% de baixada- ou Sanidade -terá un 22% menos-", en Defensa a tesoira aféctalle só a un 6% dos seus fondos. Na Casa Real, salienta, a caída fica nun 4%, lonxe, por exemplo, da redución de Agricultura, do 25,4%, ou de Industria, do 21,3%.

Pensións e salarios públicos

O outro gran piar no que o BNG sustenta a súa emenda vincúlase ao incerto futuro das pensións e das remuneracións do persoal público. Así, "aínda que o Goberno anuncie unha suba do 1%" nos subsidios de xubilación "o custe da vida está moi por riba", en novembro "tería que revalorizar as pensións segundo o dato do IPC pero aínda non di se o vai facer". "É unha incógnita que se mantén en suspenso, deducimos que até que pasen as eleccións galegas", censura Davila. Isto sucede mentres, "por primeira vez se bota man do Fondo de Reserva das pensións", do que saen 3.600 millóns de euros, "a máxima cantidade legalmente permitida". Algo semellante acontece cos salarios do persoal público, "conxelados por terceiro ano consecutivo, ao que se lle suma a supresión da paga extra de Nadal".

Davila, nunha sesión no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.