O BNG chama a "concentrar o voto" para que o PP “perda a maioría que xa non ten na sociedade"

Jorquera, Aymerich e Adán, no peche de campaña CC-BY-NC-SA BNG

Como na última campaña das eleccións galegas, o BNG pechou a carreira electoral do 21-O en Vigo. O daquel 26 de febreiro de 2009 fora o mitin de campaña máis numeroso da historia do Bloque e, probablemente, un dos máis amargos. Os inquéritos prognosticaban que o PP recuperaría a maioría absoluta e os dirixentes nacionalistas comezaban a destilar desánimo. Exactamente o contrario foi o que aconteceu este venres. Os militantes e simpatizantes que acompañaron os candidatos no derradeiro acto da campaña semellaron dispostos a inxectarlle ánimo aos aspirantes a deputados e deputadas, a comezar por Francisco Jorquera. Hai tres anos e medio poucos pensaban que houbese partido, desta volta o aspirante á presidencia non o dubida: “as eleccións están abertas” e decidiranse “por un puñado de votos”.

Jorquera: "As eleccións decidiranse por un puñado de votos"

O líder nacionalista non dubida de que nas rúas do país hai “un descontento maioritario co PP” e con Feijóo, que é “o primeiro en saber” que isto acontece e “por iso tenta desmobilizar” co obxectivo de “reter no Parlamento a maioría que perdeu na sociedade”. Pero “se concentramos o voto nacionalista e de esquerdas no BNG, o PP ten as eleccións perdidas”, arengou. Reclama apoio para o Bloque porque é o que ten “un proxecto de país, pensado para as maiorías sociais” e “non para servir os intereses dos poderosos”. Pero ademais “ten o seu centro de decisión en Galiza”.

“O voto caseiro, cen por cen galego”

Porque precisamente esta foi a segunda gran mensaxe do peche de campaña do BNG. Lanzouno Jorquera e lanzárona todos os oradores e oradoras da noite. “A dereita quere gañar as eleccións dividindo o voto que pode cambiar as cousas” pero “nós, a xuntar forzas no BNG” que é “onde le doe a Feijóo”, proclamou o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich. “Pídovos o voto da mobilización e o do voto consciente, o voto caseiro, caseiro, o voto cen por cen galego”, reclamou o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez.

Guillerme Vázquez: "O BNG non é un invento electoral"

O Bloque, asegurou Vázquez entre o entusiasmo do público, é a forza que pode “mirar aos ollos” da cidadanía sen temor, porque “foi o nacionalismo político e sindical quen estivo na trincheira do lado dos esmagados pola política do PP”. “O BNG non é un invento electoral para logo desaparecer; estivo, está e estará despois do día 21. “O futuro -anima Vázquez- é de quen se atreve a conquistalo e Galiza non precisa de ningún exército estranxeiro” porque estes “son sempre de ocupación”. O país necesita “un exército de galegas e galegas bos e xenerosos”. “O exército galego para liberar a nosa terra”, atronou.

A tropa nacionalista marchou con moral á casa, rumbo ás urnas. Pola megafonía do pavillón vigués soou Power to the people. Jorquera lembrou: “un señor tan impresentábel como Conde Roa foi alcalde de Santiago por catorce votos”

 

Jorquera, Aymerich e Adán, no peche de campaña CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.