Os partidos pechan a campaña coa vista posta no escano 38

CC-BY-SA Pacma

Remata unha campaña electoral que foi gañando en intensidade cara aos últimos dias pero que por momentos adoeceu de tensión e viviu xornadas dunha estraña calma a pesar da transcendencia destes comicios. Boa parte do interese situouse fóra: en primeiro lugar nas dúbidas ao redor de varias das promesas e supostos logros de Alberto Núñez Feijoo, dos contratos de Pemex aos datos do déficit de 2010 e 2011. E en segundo lugar, na posibilidade de que España fose rescatada oficialmente antes dos comicios, opción finalmente sorteada polo Goberno de Rajoy para o alivio dos populares galegos. O rescate chegará probablemente en novembro, e tamén en novembro España vivirá a súa segunda folga xeral do ano. Porque gañe quen gañe o domingo a crise seguirá aí.

Boa parte do interese situouse fóra: en primeiro lugar nas dúbidas ao redor de varias das promesas e supostos logros de Alberto Núñez Feijoo, dos contratos de Pemex aos datos do déficit de 2010 e 2011. E en segundo lugar, na posibilidade de que España fose rescatada oficialmente antes dos comicios

Nesa folga do 14N visibilizarase a unidade de acción da oposición ao Partido Popular en Galicia, plasmada na creación da Alianza Social Galega e que completa un proceso iniciado nas masivas mobilizacións do 19 de xullo. O domingo saberemos se ese proceso de converxencia chegou a tempo para arrebatarlle a maioría absoluta ao PP.  

Foi a campaña na que se recuperaron os debates electorais despois de case vinte anos. E así puidemos ver como PSdeG e BNG confrontaban as súas propostas cun Feijoo que non está tan afeito a ter que responder cara a cara da súa acción de goberno. E a pesar de que a campaña viviu momentos de tedio, viuse animada pola irrupción de novos actores, que se engadiron ao tradicional escenario de tres partidos. Con poucos medios, compensados con imaxinación e entusiasmo, Compromiso e Alternativa foron quen de atopar o seu espazo na campaña. Sobre todo a AGE de Beiras que sen dúbida se converteu no gran protagonista da última semana e nalgúns dias converteu o 21-O nun impensable cara a cara entre el e Feijoo.

O PP pechou a campaña en Vigo e Ourense, nuns acto no que se puido ver xuntos,  desta vez si, a Feijoo e a Rajoy. O presidente do Goberno salientou que votar o PP "é votar a idea da España que construímos entre todos, integradora, integrada no corazón de todos e no corazón de Europa" .

O PSdeG-PSOE realizou actos en Pontevedra e Santiago. Pachi Vázquez contou co apoio de Blanco e Rubalcaba para pedirlles aos seus que convenzan os seus achegados para que voten “cambio”. Vázquez amosouse convencido de que vai “gobernar” despois das eleccións do domingo.

O BNG tamén finalizou a súa carreira en Vigo. Jorquera chamou  a apoiar a quen "ten o seu centro de decisión en Galiza" e renovou as súas apelacións a concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no Bloque.

AGE encheu amplamente o Palacio da Ópera da Coruña. Alí Beiras e Yolanda Díaz denunciaron que o sistema está “podre” e que España “carece xa de soberanía”. AGE completou este peche de campaña cun “mitin virtual” protagonizado por “Beiriñas”.

Compromiso por Galicia pechou a campaña en Ourense cun mitin no que Xoán Bascuas acompañou o cabeza de lista da formación por esta provincia.

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.