A participación cae case sete puntos, sobre todo en Lugo e Ourense

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Crece a abstención. En todas as provincias e en todas as comarcas, aínda que máis nalgunhas ca noutras. A participación descende case sete puntos (6,82) con respecto a 2009, pero en Ourense a participación cae máis de oito puntos e medio, e en Lugo o descenso tamén supera a media galega, situándose por riba dos sete puntos. Pola contra, as provincias occidentais experimentan unha caida menor: algo menos de sete puntos en Pontevedra e ao redor de seis na Coruña. 

Así e todo, Lugo e Ourense manteñen cifras de participacións superiores ás da Coruña e Pontevedra ás cinco da tarde, aínda que os diferenciais se igualan con respecto a 2009. Por provincias, a participación na Coruña é do 41,15 por cento (47,2 en 2009); en Lugo do 43,37 por cento (50,49 en 2009); en Ourense do 46,20 por cento (54,84 en 2009); e do 42,60 por cento en Pontevedra (49,54 en 2009).

A tendencia xeral é que a participación cae con máis forza nos concellos rurais ca nos urbanos, pero hai excepcións. Por exemplo, A Coruña (5 puntos menos que en 2009), Ferrol (2 puntos e medio menos), Vigo (4 puntos e medio menos) ou Santiago (4 puntos e medio menos) perden menos votantes que a media. Pola contra, en Lugo a participación cae máis de oito puntos, en Ourense sete puntos e medio, en Pontevedra algo máis de sete puntos.

O aumento da abstención é especialmente salientable en comarcas como Terra de Soneira ou Viana (-12,5 puntos), A Ulloa, O Baixo Miño ou Allariz-Maceda (-11,5 puntos), Bergantiños (-10,5 puntos), Arzúa (-10 puntos), A Limia, Muros, O Salnés, Fisterra, Valdeorras, A Baixa Limia (-9 puntos), A Mariña Oriental (-8,5 puntos) ou Terra de Lemos (-8 puntos).

A pregunta agora é se estes datos de participación poden revelar algunha tendencia sobre os resultados que comezaremos a coñecer a partir das nove da noite. Están quedando na casa os electores dalgún partido en concreto? 

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.