A dirección do PSOE conxúrase para evitar o debate do liderado

Pachi Vázquez, xunto a Elena Valenciano nun mitin © PSdeG

A dirección do PSOE decidiu pór freo a calquera debate sobre o liderado de Rubalcaba logo das derrotas electorais en Galicia e no País Vasco. "Non é o momento de abandonar as responsabilidades -dixo o número dous do partido, Elena Valenciano- senón de asumilas con máis forza". Valenciano sinalou que o congreso do PSOE lles deu "un mandato e unha tarefa", en referencia á elección de Rubalcaba como líder do partido. Sobre a posibilidade dunha dimisión do seu líder, Valenciano resolveu cun "non se expuxo a dimisión de Rubalcaba".

Valenciano asegura que non se pensa na dimisión de Rubalcaba

O calendario dos socialistas acelérase a partir de agora e como prioridade exponse a celebración dunha gran Conferencia Política para principios de 2013. Ante as críticas internas, Valenciano advirte que a partir de agora "non se trata de cegar. Trátase de convencer, aínda que isto leve máis tempo e trátase de avanzar, non de buscar atallos".

Segundo Valenciano, "o resultado destas eleccións dinos que temos que seguir coa tarefa de oposición a unha política que é moi mala para España e que á vez temos que acelerar a presentación de propostas alternativas que fagan ver aos cidadáns que hai outra solución".

O PSOE cre que a perda de votos aínda  pode ir a peor nas próximas citas electorais

A dirección socialista é pesimista coas súas opcións electorais a día de hoxe. Segundo Valenciano, o ciclo electoral negativo para o PSOE "aínda non terminou". "Somos conscientes que estamos obrigados a volver merecer a confianza dos cidadáns que seguramente decepcionamos".

Preguntada sobre as declaracións de López Aguilar no sentido de que este é o peor momento da historia do PSOE, Valenciano sinala que "non sei se é o peor, pero desde logo é malísimo. Juan Fernando ten razón". Á pregunta de se os socialistas meditan impulsar un proceso de primarias para aclarar xa quen será o seu candidato ás próximas xerais, Valenciano respondeu que "quen vai ser o candidato non é agora o debate".

Pachi Vázquez, xunto a Elena Valenciano nun mitin © PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.