O ex alcalde de Boqueixón non cobrará como edil sen funcións porque é "polémico"

Gacio, nunha imaxe de arquivo © boqueixon.es

Freado vinte e catro horas antes. O pleno do Concello de Boqueixón co seu alcalde á fronte, Jesús Sanjuás, ía aprobar este venres a reorganización do goberno municipal resultante da renuncia do anterio rexedor, Adolfo Gacio, tras a súa imputación na Operación Pokémon. Nese novo reparto de áreas non figura o propio Gacio que, non obstante, continúa na corporación municipal como edil do PP sen función ningunha encomendada. Malia non ter labor que desenvolver íaselle asignar un salario de 1.619,34 euros ao mes, isto é, 21.500 euros anuais. Pero a operación freou a última hora.

Despois de que, nos prolegómenos da pasada campaña electoral, o PP insistise na necesidade de que PSdeG e BNG afastasen dos cargos públicos a persoas imputadas, Gacio continúa no Concello  aínda que, segundo denuncia dende a oposición o nacionalista Xabier Canabal (Anova), "dende a súa renuncia non volveu aparecer en ningún dos plenos que se levan celebrados ata o momento". Canabal vía unha "traxicomedia" no feito de que Gacio continúe "como alcalde na sombra", exercendo como unha caste de "José Luis Moreno" e "os concelleiros do PP son os seus bonecos de ventrílocuo". "A culminación de toda esta burla", di, é que "renunciando á alcaldía e a calquera das áreas de Goberno, o PP tente darlle unha dedicación parcial", isto é, o devandito soldo.

"Dende a súa renuncia non volveu aparecer en ningún dos plenos que se levan celebrados"

Así ía ser ata que a asignación foi feita pública pola oposición municipal, de aí saltou á prensa local e, a continuación, chegou á rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado polo asunto. "Esta mañá me enterei a través dun medio de comunicación", sinalou o presidente en funcións e xefe de filas do PPdeG. "Tereime que informar de se é certo, e supoño que se publica é certo". Polo tanto, anunciaba, "falarei co presidente do PP da Coruña [Carlos Negreira]", con quen Gacio pactara abandonar a alcaldía pero non acta de edil, porque "non entendo que un concelleiro que non ten dedicación, teña un soldo", sinalaba.

Neste contexto, tras as advertencias de Feijóo -que avalou publicamente a continuidade de Gacio como concelleiro malia á súa imputación- comezaron, en verbas de Canabal, os "movementos" no seo do Concello e, horas despois, o ex alcalde anunciaba, en declaracións a La Voz de Galicia, a súa intención de non cobrar por non desenvolver labor ningún. Segundo lle explicou ao rotativo, "agradece" aos seus compañeiros de grupo "que quixesen facerme esa deferencia polos anos que estiven alí". "Pero non quero xerar ningunha polémica", asegura o que é considerado home de confianza de José Manuel Romay Beccaría.

Dende os bancos da oposición a cuestión do soldo non tapa, así e todo, a propia permanencia do ex alcalde. "É  autenticamente  intolerable  que  o  PP  manteña  a  este  concelleiro  entre  as  súas  filas" e que, aínda por riba, di Canabal, "o señor Gacio tente seguir mangoneando o concello como a súa casa particular". "Exhorto os veciños de Boqueixón a que se rebelen e tenten parar esta auténtica vergoña", conclúe.

Gacio, nunha imaxe de arquivo © boqueixon.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.