O PSdeG acusa á Xunta de "sentenciar" o hospital galego de Bos Aires por causas políticas

Centro Galego de Bos Aires Dominio Público Praza Pública

Unha "sentenza" con motivacións políticas. É o que o PSdeG ve por tras da "asfixia" económica do hospital galego de Bos Aires, o centro sanitario integrado no Centro Galego da capital arxentina cun valor determinante para a colectividade galega na cidade, polo seu labor asistencial e tamén pola súa representatividade histórica -é, por exemplo, o lugar no que faleceu Castelao-. Dende esta semana ese hospital xa non é tan galego, cando menos a efectos de xestión. Os problemas financeiros levaron o Goberno arxentino a intervilo despois de que a Xunta se desvinculase do seu financiamento -na pasada lexislatura, aínda con Pilar Farjas de conselleira, tentou unha operación para adxudicarllo a unha empresa privada-. E, mentres en Bos Aires o persoal sanitario comeza a cobrar as nóminas atrasadas e os pacientes a recibir asistencia con normalidade, dende Galicia os socialistas piden explicacións.

O PSdeG non dubida de que o "colapso" financeiro do centro foi procurado "de maneira deliberada" pola Xunta

A xuízo da voceira de Emigración do PSdeG, Marisol Soneira, a "situación crítica" do hospital galego de Bos Aires débese, en boa medida, a que "en lugar de tender pontes e buscar saídas ás dificultades financeiras do centro, Feijóo sentenciouno illando os seus lexítimos responsables". Fíxoo de maneira "deliberada", di a parlamentaria, co obxectivo de "provocar o seu colapso" tras as eleccións á directiva da entidade, "nas que perdeu a candidatura auspiciada polo PP, que mesmo presentaba o retrato do presidente da Xunta como aval". "No momento en que esta candidatura foi derrotada, a Xunta deulle as costas e negouse durante seis meses a manter contactos coas autoridades" á procura de solucións, reprocha.

Neste contexto o Goberno galego, acusa, obvia os "105 anos de historia" do centro e, no canto de procurar o entendemento coas "autoridades arxentinas responsables da saúde, cultivaron con ostentación" a relación "coa oposición interna" ao Goberno de Cristina Fernández de Kirchner. Deste xeito, conclúe Soneira, foi como "a situación financeira" do hospital "tornou insostible", o que levou a xustiza do país austral a decidir a súa intervención. Ás "incertezas" creadas por esta operación engádese unha máis, di: a do recente nomeamento de Santiago Camba, ata agora secretario xeral de Emigración da Xunta, como conselleiro de emprego e seguridade social do Goberno de España na Arxentina. O "alto cargo da Xunta mellor remunerado na pasada lexislatura" supón tamén "unha perigosa incerteza" sobre a que o PSdeG, din, reclama explicacións.

Centro Galego de Bos Aires Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.