0 Gardados para despois

O PP rexeita condenar o franquismo en Manzaneda e o PSOE abstense

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"Condena do réxime franquista e por ende do fascismo" ou "dar comezo, en cumprimento da lei da Memoria Histórica, á eliminación de toda simboloxía franquista". Son algúns dos preceptos aprobados o pasado venres polo pleno do Concello de Manzaneda ao darlle luz verde a unha moción impulsada polo grupo de goberno e que o propio grupo de goberno tivo que aprobar en solitario. Os catro concelleiros -elixidos nas eleccións na lista do BNG, aínda que veñen de anunciar a súa marcha-, co alcalde, David Rodríguez, á cabeza, non contaron co apoio dos dous edís do PP, que votaron en contra, pero tampouco co do único representante do PSOE na corporación, que se abstivo.

Se ben a oposición dos conservadores era agardada, semella que sorprendeu máis a abstención socialista a unha proposta que, entre outros aspectos, aposta pola "revisión dos arquivos do Concello" para procurar "documentos relativos á Guerra Civil e posterior represión franquista". Ademais, o texto -rexistrado o 1 de febreiro, aínda como grupo municipal do Bloque-, sinala que o goberno municipal convidará os veciños de Manzaneda a "colaborar coa identificación da simboloxía franquista e demais datos ou testemuñas que poidan achegar" e "instará a Igrexa católica á retirada de todo símbolo franquista" das súas instalacións, xa que a "xerarquía eclesiástica", detalla a moción, outorgou o seu "beneplácito" e mesmo "participou" en "moitos casos" nos "actos criminais" do franquismo, dado o apoio ao Alzamiento manifestado pola Igrexa española da época.

Neste contexto, o voto negativo dos populares supón tamén o seu rexeitamento a solicitar ao Centro Documental da Memoria Histórica de Salmanca -antigo Arquivo da Guerra Civil- os "fondos documentais e fontes secundarias que poidan resultar de interese para o estudo da Guerra Civil", a ditadura, "a resistencia guerrilleira contra ela, o exilio e o internamento en campos de concentración" que fagan referencia a Manzaneda. Ao tempo, a votación supón que tamén rexeitan a "instalación dunha praca nun lugar ou edificio público que recoñeza a todas as vítimas directas e indirectas do réxime totalitario.

Homenaxe en Compostela

A posición do PP no concello ourensán contrasta notablemente coa adoptada vinte e catro horas máis tarde pola formación conservadora no Concello de Santiago. Contradicindo mesmo a posición que vén mantendo ao respecto a dirección estatal do partido, o grupo municipal popular da capital de Galicia, comezando polo alcalde, Gerardo Conde Roa, participou activamente nunha homenaxe ás persoas asasinadas na cidade tras o golpe militar de 1936.

Fronte á disparidade de criterios de Manzaneda, a instalación dunha praca no cemiterio de Boisaca, unha homenaxe floral e intervencións de recoñecemento ante familiares das vítimas foron secundadas polos tres grupos municipais. Nesta liña, Conde Roa manifestou o seu "fondo pesar ás familias dos inxustamente fusilados" e mesmo o representante das familias agradeceu a súa "predisposición e dispoñibilidade" para participar na homenaxe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.