AGE prepárase para o traballo parlamentario e Yolanda Díaz avisa de que non serán unha forza "morna"

Beiras, con Yolanda Díaz nun mitin en Ferrol CC-BY-SA AGE

ANOVA e EU decidirán este luns a maneira en que se organizará o seu traballo parlamentario. Segundo Esquerda Unida a estratexia común "non será outra que a defensa da cidadanía fronte ao ataque das políticas antisociais" e situou na folga xeral do 14N o primeiro gran reto "co obxectivo de paralizar o país".

Á saida da xuntanza Yolanda Diaz afirmou que o traballo que realizarán no Parlamento será o dunha "dura" oposición ao PP e que non serán unha forza "morna" nin "dócil"

Esquerda Unida celebrou o seu Consello Polítíco Nacional para avaliar os resultados electorais. Segundo a formación, "a necesidade dunha converxencia política e social, viuse reflectida no resultado electoral, así o considera este órgano de dirección no que o compromiso adquirido pasa por mudar o xeito de facer política. Isto é: combatiremos nas rúas e no parlamento as consecuencias desastrosas que teñen para a maioría das persoas as políticas neoliberais da dereita e da troika". Á saida da xuntanza Yolanda Diaz afirmou que o traballo que realizarán no Parlamento será o dunha "dura" oposición ao PP e que non serán unha forza "morna" nin "dócil". Así mesmo declarou que AGE "chegou para ficar" e está disposta a combatir as súas políticas "con dureza no plano ideolóxico e na rúa". Diaz salientou que "non hai democracia neste país coas cifras de paro e a pobreza que hai".

Por outra banda, Anova tamén reuniu a Permanente da súa Coordinadora Nacional. Ademais de preparar a devandita xuntanza do luns, traballouse na concreción do Plan de implantación de Asambleas de Anova "para recoller a corrente de simpatía xurdida hacia esta agrupación" en vistas da xa anunciada Asamblea Nacional que terá lugar a principios do vindeiro ano.

Feijoo criticou que "membros da coalición de Beiras ameacen os populares antes de que o novo Goberno tomara posesión"

Nunha entrevista que este sábado publica Europa Press, Alberto Núñez Feijoo referiuse demoradamente a AGE. O presidente en funcións criticou que "membros da coalición de Beiras ameacen os populares antes de que o novo Goberno tomara posesión". En concreto, referiuse ás declaracións de Yolanda Díaz en El País afirmando que é "normal" que no PP se "inquieten" porque van "a por eles" e manifestou o seu desexo de que se "rectifiquen" estas palabras. "Dicir iso é dunha violencia verbal non admisible e ten unha importantísima carencia democrática", advertiu.

Pola súa banda, este sábado ao remate do Consello Político Nacional de EU, Yolanda Díaz afirmou sentirse "honrada" polas críticas de Feijóo, ao que volveu recomendar "que se prepare" porque "dende o 16 de novembre -cando se constitúe a cámara- a oposición vai ser diferente".

Beiras, con Yolanda Díaz nun mitin en Ferrol CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.