Pachi Vázquez: "O responsable da derrota son eu, pero o problema do PSOE é máis amplo"

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE, reafirmouse este domingo nunha entrevista concedida á Cadena Ser en que non vai presentar a súa dimisión despois dos malos resultados colleitados polo seu partido nas eleccións do 21-O e rexeitou a posibilidade de conformar unha xestora provisional para dirixir a formación. "O doado neste momento era saír correndo. Un non pode saír correndo, ten que asumir as súas responsabilidades", dixo, confirmando a súa intención de pilotar a transición do seu partido até o congreso nacional, previsto en principio para a primavera do 2013. Ademais nesta entrevista prometeu "abrir o partido" a todos os cargos do mesmo, "dende a Executiva ás asembleas locais".

Vázquez asume a responsabilidade polo fracaso electoral: "Responsabilízome eu en primeira persoa, non lle boto a culpa a ninguén" pero engade que "o problema do PSOE é máis amplo, perdimos a credibilidade". Afirma ademais que ningúen "dla estrutura" do partido lle pediu a dimisión e que el "nunca" lle pediu "a dimisión a Touriño". Finalmente reiterou que non volverá presentar a súa candidatura para dirixir o partido e cualificou este aspecto de "intranscendente".

Con todo, é seguro que no PSdeG-PSOE continuará o dobre debate de tempos e nomes entre os partidarios de agardar até o 2013 e os que, dende a executiva provincial de Pontevedra liderada por Santos Héctor e na que Abel Caballero conta cun importante peso especifico, piden unha solución inmediata, a dimisión de Pachi Vázquez e o nomeamento dunha xestora que tome todas as decisións. Porén, parece que o resto de cabezas visibles do PSdeG, dende Barcón a Orozco, pasando por Besteiro, Caamaño, o ourensán Raúl Fernández ou Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, apostan por agardar.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.