O BNG chama á folga xeral: "sobran razóns para protestar"

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Hai razóns máis que sobradas para protestar". O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, fixo este martes unha paréntese no proceso de reflexión interna aberto na formación nacionalista tras as eleccións do 21 de outubro para apelar á poboación a participar de xeito masivo na folga xeral do 14 de novembro. Con independencia da aritmética parlamentaria para o líder nacionalista a convocatoria sindical unitaria está máis que xustificada porque a política económica "ditada pola troika" e desenvolvida polo PP está a traer consnigo "consecuencias cada día máis catastróficas para a maioría social" do país.

As cifras do paro coñecidas o pasado luns son, para Vázquez, unha mostra máis de que os gobernos galego e central persisten nos seus erros. O desemprego "segue a mesma tendencia, seguen aumentando os parados e paradas por milleiros" mentres os gabinetes de Rajoy e Feijóo "seguen o esquema de saquear o pobo para seguir trasvasando a unha minoría que se enriquece cada día máis". Esta, di o nacionalista, é a "política sen alma do PP", que "deixa na estacada a milleiros de persoas que quedan na rúa e que seguen debéndolles cartos aos bancos".

Neste sentido, e despois de que PP e PSOE anunciasen no Congreso dos Deputados a apertura de negociacións para a posible aplicación de reformas legais que palíen os desafiuzamentos, Guillerme Vázquez lembra que o Bloque "leva tempo presentando iniciativas para promover a dación en pagamento", tanto en Galicia como en Madrid. Isto acontece "hai moito tempo", aínda que obtivo "escaso apoio" dos grupos maioritarios, evidencia.

Sen "interinidades" no Bloque

Vázquez avanza que o proceso de reflexión interna estará rematado "bastante antes do verán"

A comparecencia de Guillerme Vázquez produciuse no medio dunha notable expectación mediática provocada esencialmente pola posibilidade de que o aínda portavoz nacional do Bloque ofrecese algún avance sobre o futuro inmediato da organización, toda vez que el mesmo anunciou que non optará á reelección na portavocía nacional. Nesta liña e a preguntas dos xornalistas Vázquez rexeita que a dirección frontista se atope na actualidade nunha situación de "interinidade". "Nós non o percibimos así", explica, antes de remitirse ao roteiro trazado polo Consello Nacional e que, con toda probabilidade, desembocará nunha Asemblea extraordinaria. Este proceso de reflexión interna ten xa fixado "un horizonte" e a súa conclusión, avanza, producirase "bastante antes do verán".

Mentres isto acontece Vázquez "acepta" pero non comparte "nin os motivos nin os argumentos" do alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, que o pasado luns optaba por abandonar a Executiva do Bloque a causa do resultado electoral, ao tempo que reclamaba que unha "xestora" conducise a organización ata o remate do proceso asemblear. Para o líder nacionalista non hai lugar á creación de ningunha figura de xestión extraordinaria mentres se produce o "debate" sobre o futuro, o cal, di, está a ter unha "altísima participación" a nivel comarcal.

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.