Anova preséntase en Compostela co obxectivo de ser alternativa ao PP nas municipais

Membros de Anova-Compostela na presentación CC-BY Anova

Anova presentou o pasado venres a súa organización en Compostela co obxectivo de "potenciar e afortalar a súa actuación política e converterse na alternativa de goberno ao PP nos próximos comicios municipais". Para a formación nacionalista, os resultados electorais do pasado 21O, dentro da coalición Alternativa Galega de Esquerdas, sitúan o Frente Amplo como a segunda forza política da cidade, cun 21% dos votos emitidos, o que para a formación que lidera Xosé Manuel Beiras supón a “obriga” de seguir traballando para dar á cidadanía de Compostela unha alternativa ao  “nefasto goberno popular”.

"Santiago volta cara ao pasado, nun exercicio de deconstrución que é preciso frear entre todos"

Deste xeito, a coordinadora de Anova-Compostela convida "a toda a cidadanía a participar directamente coas súas propostas a construír unha alternativa sólida e real ao desgoberno do PP", que segundo a formación "está a pór en risco o modelo de cidade tal e como o temos coñecido nos últimos anos, voltando cara ao pasado, nun auténtico exercicio de deconstrución de Santiago que é preciso frear entre todos".

Por todo isto,  Anova di quedar a disposición da cidadanía e abre todas as súas canles locais para a participación, comezando pola web (www.anovacompostela.wordpress.com), na que "convida o conxunto da cidadanía a deixar as súas propostas e achegas que serán debidamente correspondidas". Igualmente, anuncia que levarán a cabo asembleas abertas por todos e cada un dos barrios da cidade e parroquias do concello, "para darlle voz directa aos veciños e veciñas", e que manterán unha rolda de xuntanzas cos diferentes colectivos, agrupacións e organizacións de Santiago.

 

Membros de Anova-Compostela na presentación CC-BY Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.