O BNG chama a manifestarse este luns contra os ataques israelís a Gaza

Vázquez anuncia a súa decisión no Consello Nacional CC-BY-SA Praza Pública

O BNG celebrou este sábado reunión do seu Consello Nacional, con varios asuntos sobre a mesa, dende o comezo da nova lexislatura, cun novo Parlamento constituído este venres e a investidura de Feijoo, que terá lugar en dúas semanas, até os actos convocados o 25 de novembro para denunciar a violencia machista ou a comisión de investigación das caixas de aforros. Pero a actualidade manda e a intensificación dos ataques do exército israelí sobre Gaza, que causaron xa ao redor de 40 mortos, introduciuse na axenda do día con forza.

O Bloque chama a participar nas concentracións de repulsa que se están convocando para este luns ás oito da tarde en todas as cidades galegas e que denunciarán os ataques de Israel e unha vez máis demandarán un Estado para Palestina. Nunha intervención aberta aos medios, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou “a agresión constante e xenocida de Israel” e amosou a súa solidariedade co pobo palestino”. Criticou a “pasividade” da comunidade internacional e a “indiferenza” do Goberno español, ao que lle demandou que condene estes ataques e defenda “unha solución política e xusta”.

 

Proceso de debate interno

Aprobouse a constitución dun grupo de traballo que servirá para "sintetizar as achegas feitas pola militancia" para avanzar no "proceso de debate" aberto polo BNG despois dos resultados electorais do 21-O

O Consello Nacional serviu para avanzar no "proceso de debate" aberto polo BNG despois dos resultados electorais do 21-O. Aprobouse a constitución dun grupo de traballo que servirá para "sintetizar as achegas feitas pola militancia". Este grupo estará constituído por membros do Consello Nacional e celebrará a súa reunión nos próximos días nunha data por determinar. O Bloque quere que neste proceso se abra á participación de simpatizantes e de persoas representativas de distintos sectores sociais para "reorientar ao BNG e recuperar confianza social", en palabras de Guillerme Vázquez.

Por outra banda, Vázquez afirmou que “o BNG non agarda nada positivo do goberno Feijóo, só máis do mesmo”. Neste senso, o portavoz nacional prognosticou que “Feijóo aplicará na Galiza a política de Rajoy; seguirá coa cantinela da austeridade para as clases populares; negarase a exercer as propias competencias, a exercer como presidente de Galiza, e menos aínda intentará alongalas; afondará na política de reseespañolización de Galiza e seguirá a mirar para outro lado mentres Galiza perde tecido económico e emprego a esgalla”.

Vázquez definiu o acordo entre PP e PSOE sobre os desafiuzamento como “unha operación cosmética que non cambia o substancial”

En canto aos desafiuzamentos, o líder do BNG subliñou que “o primeiro responsábel da crise hipotecaria é a banca e o poder político que permitiu e alentou prácticas a todas luces inmorais" e engadiu que "son responsábeis os gobernos: agora o do PP e antes o goberno do PSOE”. Vázquez definiu o acordo entre os dous partidos como “unha operación cosmética que non cambia o substancial”. Concluiu que “para o BNG é unha burla macabra o paripé PP-PSOE de aparente busca de solucións para para estes desafiuzamentos salvaxes;  unha burla negra porque son os mesmos, PP e PSOE, que votaron unha e outra vez contra propostas, como as do BNG, para modificar a Lei Hipotecaria ou a favor da dación en pago”.

Reunión dun Consello Nacional do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.