O BNG propón destinar as vivendas dos bancos intervidos a persoas sen recursos

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

"Que a banca se responsabilice". É un dos obxectivos principais das dúas modificacións legais que o BNG vén de propoñer no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados co mesmo obxectivo: atallar os desafiuzamentos procedentes, en boa medida, dos anos de bonanza económica e abundancia de ladrillo e créditos bancarios. Ata agora "a banca gaña e as persoas perden", pero o Bloque, di o seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, aposta por que "se faga cargo o culpábel e non a vítima". Por este motivo xunto a medidas que a formación frontista xa viña reclamando, como a extensión da dación en pagamento, o BNG propón tamén implicar na solución ás entidades bancarias, moi especialmente ás intervidas polo Estado.

Nomeadamente, os nacionalistas propoñen unha modificación legal na que os bancos nacionalizados, caso por exemplo de Novagalicia Banco, sitúen as vivendas que posúen nas denominadas "sociedades de xestión de activos -unha caste de versión reducida do célebre banco malo- e, unha vez alí, "a finalidade principal sexa a de constituír bolsas de vivenda pública e solo para construción de vivendas públicas, con destino ao seu alleamento ou alugueiro". Trátase, explican, de facer efectivo "o dereito constitucional á vivenda, especialmente das persoas e colectivos con menos recursos económicos".

O Bloque aposta pola extensión da dación en pagamento e a creación dunha bolsa pública de vivendas para persoas desafiuzadas

Do mesmo xeito, as iniciativas do BNG diríxense tamén a lograr cambios na "lexisilación procesual, hipotecaria e civil" para que esta deixe de impedir "que os xulgados adopten medidas intermedias que ponderen o dereito da entidade financeira a que lles sexa resarcida a débeda contraída", pero tameń "o dereito de acceso a unha vivenda digna de persoas cuxo incumprimento" das obrigas "de afrontar os pagamentos" da hipoteca "vén motivada por causas alleas á súa vontade", como pode ser a perda do emprego.

Neste sentido, o Bloque ve a necesidade de que, nos procesos de poxa dunha vivenda, o "executante poida formular unha proposta de dación en pagamento do total da débeda polo valor acacdado na poxa, sempre que a situación debedora se considere que foi de boa fe, por ter sido proovocada por causas alleas á súa vontade". Ademais, explica o voceiro de vivenda da formación, Cosme Pombo, tentarán elevar ao rango de lei "a creación dunha bolsa de vivendas para persoas desafiuzadas ou con problemas económicos, así como unha moratoria que se poida trauducir de diferentes formas segundo cada caso".

Con estas e outras medidas, di Vázquez, téntanse aplicar solucións fronte á "burla macabra" das medidas que está a aplicar o Goberno central tras o fracasado diálogo co PSOE, formación que, remarca, "foi responsábel tamén no seu momento de non adoptar ningunha medida". "Os poderes públicos teñen que defender o dereito a unha vivenda", acrecenta Pombo, xa que "se hai milleiros de casas baleiras e milleiros de familias sen casa, hai que ofrecerlles unha solución".

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.