0 Gardados para despois

Tres anos de Feijóo: inercias dunha 'estrela' que xa non brilla tanto

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"14. Rexeneración democrática. Gobernar para todos, independentemente das súas preferencias políticas, eliminar prácticas clientelares e aplicar con capacidade de reacción a asunción de responsabilidades nos supostos que correspondan."

"3. Eliminar e reducir drasticamente os gastos superfluos en publicidade, altos cargos, asesores, automóbiles ou obras nas dependencias do goberno.”

Once de febreiro de 2009. Faltan dúas semanas para as eleccións ao Parlamento de Galicia e o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, convoca os medios de comunicación na Terraza da Lonxa do Hostal dos Reis Católicos, no Obradoiro compostelán. Sitúase diante dunha cristaleira que converte en fondo escénico da súa comparecencia a mesmísima residencia oficial de Monte Pío. Ao seu carón, a bandeira galega por duplicado. Restaban vinte e catro horas para o inicio da campaña electoral e o líder da dereita galega que xa superara o reto de ser alguén máis que "o que está no sitio de Fraga" queríase presentar ante os galegos como presidente. As navalladas electorais quedarían para outros, incluso para o propio Mariano Rajoy, que xa percorría as corredoiras galegas consciente de que el tamén xogaba moito nos comicios galegos. En ton solemne, Feijóo amosaba un sobrio cartafol con dous folios sepia dentro. Neles plasmábanse catorce puntos que, aseguraba, suporían todo un compromiso "político, persoal e moral" no caso de chegar ao Goberno. Era o Contrato con Galicia, un compromiso medible que o candidato aspiraba a superar cunha nota "non inferior a sobresaliente".

Feijóo aspiraba a superar o compromiso do contrato cunha nota "non inferior a sobresaliente"

Chegou o 1 de marzo e as urnas dixeron que o Contrato ía entrar en vigor avalado por unha maioría absoluta e dirixido polo que xa era o barón autonómico por excelencia no PP, a estrela máis brillante dun firmamento deprimido por dúas derrotas fronte a Zapatero e asediado por incómodas circunstancias como o caso Gürtel. Rajoy fotografábase sempre que podía con quen quería converter o bipartito nunha transitoria mala brincadeira da historia, o mesmo ao que se lle atribúe a frase "agora son eu o que está preocupado" cando confirmou que lle tocaría presidir a Xunta.

De todo aquilo pasaron xa tres anos. O PP atesoura máis poder ca nunca no conxunto do Estado e a estrela Feijóo xa non brilla tanto. Hai quen o adiantou no campionato da austeridade e nas altas esferas do seu partido, dominadas omnipotentemente por Dolores de Cospedal, xa non son todo sorrisos. Descartado, polo tanto, un salto a Madrid para o que hai overbooking, toca ollar máis aquén Padornelo ca nunca e facer balance do Contrato comezando, por exemplo, pola que fora bandeira electoral do presidente: a "rexeneración democrática", "comprometerse" para "devolver a credibilidade á clase política", dicía en 2009. Desterraríase o "amiguismo", o "clientelismo", o "enchufismo" e, ademais, a "austeridade" deixaría polo camiño calquera gasto "improdutivo".

Máis de mil días despois, a crise galopante trouxo consigo, si ou si, a contención do gasto e tamén unha acción de Goberno no que o control do déficit o é todo. O Goberno "para todos" sufriu a erosión das acusacións de, por exemplo, "desigualdade" no reparto de fondos públicos en función da cor política dos concellos ou mesmo de "persecución" política. A fin da propaganda oficial "inútil" segue a agardar por unha Lei de Publicidade institucional que non remata de chegar. Mentres, as campañas institucionais de dubidosa utilidade séguense a contratar. Hai menos altos cargos, pero algúns seguen a cobrar máis ca o propio presidente e, entre as obras de cuestionada rendibilidade social, segue a destacar a Cidade da Cultura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Millóns de euros para propaganda e "urxencias" mediáticas

Despois de plasmar no Contrato a intención de reducir "drasticamente" o gasto en publicidade e propaganda, durante a campaña electoral das autonómicas Alberto Núñez Feijóo expresaba deste xeito a súa intención: "o gasto en publicidade absurda é tan sinxelo de evitar como que simplemente non hai que facelo, e punto". Con todo, semella que Feijóo e os seus conselleiros, como os seus antecesores, non renunciaron ao gorentoso mecanismo dos anuncios institucionais que van alén da necesaria información de servizo público á cidadanía. 

Só no seu primeiro ano en San Caetano, o Goberno do PP destinou uns 5 millóns de euros a campañas propagandísticas. Así, por exemplo, naqueles primeiros compases da lexislatura a consellería de Economía e Industria puxo en marcha unha campaña sobre a "Galicia innovadora e competitiva", por 700.000 euros ou 1,4 millóns para falarlles aos galegos da "internacionalización" de empresas. O mesmo departamento que dirixe Javier Guerra gastou 120.000 euros en tentar mudar a imaxe negativa que os galegos, admitía, tiñan das canteiras e da minaría. Naquelas primeiras campañas destaca tamén o millón de euros que a Consellería de Sanidade decidiu gastar para inserir anuncios nos medios sobre "a modernización da sanidade pública galega". Esa acción publicitaria foi xustificada polo propio Feijóo cun escueto "é o que corresponde facer". "Gastamos menos en publicidade do que se gastaba antes", engadiu.

Se o Goberno galego facía isto nos comezos do mandato, a actitude non muda no presente treito final. Dende finais do pasado decembro, diversos departamentos autonómicos iniciaron trámites para gastaren máis de tres millóns en anuncios. Nomeadamente, o 26 de decembro Economía e Industria remitía ao Diario Oficial da Unión Europea a súa intención de contratar unha campaña de "divulgación das iniciativas da Xunta de Galicia en materia de innovación, impulso empresarial, internacionalización e de promoción do emprego en sectores estratéxicos industriais durante o ano 2012". Custará "entre 800.000 e 1 millón" de euros máis IVE. Nos mesmos días, a Secretaría Xeral de Medios daba o primeiro paso para destinar 1,2 millóns de euros, tal e como informou Praza Pública, a publicidade sobre promocións "en materia de identidade, galeguidade e datas de especial sensibilidade social".

Nos últimos tempos tamén amosou especial profusión publicitaria a Consellería de Facenda. Cando aínda estaba dirixido por Marta Fernández Currás, o departamento encargado das contas públicas provocou un impacto de 400.000 euros nas contas públicas para lembrarlles aos galegos que "deben ser solidarios nas contribucións e así dispor de recursos para o sostemento dos servizos e infraestruturas que temos". Ese principio filosófico sintetizouse na campaña Cada euro conta. Pouco despois, este mes de febreiro, Facenda, xa en mans de Elena Muñoz, expresaba oficialmente, como adiantou Praza, a intención de gastar ata 944.000 euros nunha "acción divulgativa contra a fraude fiscal e da solidariedade contributiva de todos os galegos"

De entre toda esta política publicitaria só transcendeu publicamente que unha campaña prevista non chegase a realizarse. Foi a campaña que a Secretaría Xeral de Medios pretendía contratar, por un millón de euros, para promocionar as bondades do chamado decreto do plurilingüismo. A controversia provocada pola saída á luz a través da prensa do gasto que a Xunta prevía acometer provocou que o propio Feijóo forzase a marcha atrás. Mentres, a Lei de Publicidade Institucional segue sen chegar e, ademais, o Goberno continúa a distribuír discrecionalmente fondos entre os medios de comunicación, os últimos, pola vía de "urxencia".

Trato desigual aos concellos intensificado polas municipais

A intención de "gobernar para todos, independentemente das súas preferencias políticas" manifestada por Feijóo no seu Contrato foi paulatinamente desmentida por algúns dos destinatarios desa gobernanza. Así, por exemplo, dende a oposición parlamentaria non faltan exemplos de acusacións de "sectarismo" e "partidismo" á hora de, por exemplo, valorar o reparto de axudas entre concellos. Neste sentido, unha das acusacións máis reiteradas ao longo da lexislatura veu do PSdeG, vinculada á distribución dos fondos para a formación de persoas desempregadas. 

Segundo censuraron os socialistas en numerosas ocasións, os concellos do PP chegaron a ser os "únicos beneficiarios" dalgunhas destas partidas. Neste sentido, a finais de 2010 os socialistas acusaban á Xunta de repartir "a práctica totalidade" dos cartos dispoñibles para celebrar obradoiros de emprego entre concellos do PP. "Como é posible que o PP goberne no 40% da poboación e se reparta todas as axudas para si mesmo?”, preguntábase o daquela voceiro socialista en materia laboral, José Tomé. Na mesma liña, Tomé destacaba que as grandes vilas galegas, co 60% da poboación, non recibiran "ningunha concesión de obradoiro".

Naquela altura, os socialistas amosábanse convencidos de que esta circunstancia supuña que "na práctica, o PP vai facer a campaña das municipais con cartos públicos", unha maneira de proceder "digna dos peores tempos da era Fraga, corrixida e aumentada". Foron precisamente as eleccións municipais outras das circunstancias que colisionaron contra ese principio de "gobernar para todos". Nos meses previos á cita coas urnas de maio de 2011 foron abondosas as xuntanzas de membros do goberno con candidatos do PP ás alcaldías en concellos gobernados por PSdeG e BNG mentres evitaba reunirse cos alcaldes e alcaldesas socialistas e nacionalistas.

Nesta liña, en marzo de 2010 a daquela directora de Infraestruturas, recibía o actual alcalde de Moaña, José Fervenza -entón deputado- para explicarlle cuestións relativas ás infraestruturas no concello que agora goberna. Nun sentido semellante, o conselleiro desa mesma área, Agustín Hernández, multiplicou as súas reunións con deputados que tamén eran candidatos, caso por exemplo de Pablo Cobián, de Oleiros, Antonio Rodríguez Miranda, de Allariz,  José López Campos, da Estrada, ou Carlos Negreira, da Coruña. No caso do actual alcalde coruñés, en agosto de 2010 Hernández chegou a celebrar un encontro público con el para lanzar unha mensaxe dirixida ao daquela alcalde socialista da cidade, Javier Losada. 

A dinámica de trato diferente aos concellos en función da cor política veno tamén algúns alcaldes na prevista desaparición do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Sobre todo dende o BNG esa disolución é interpretada como unha volta ao modelo no que os rexedores teñen que ir "pedir" á Xunta cada ano subvencións para servizos como garderías ou centros de día e nese caso, afirman, terá prioridade quen sexa do PP.

Fraude de subvencións ou "persecución ideolóxica"?

Tres anos despois da teórica entrada en vigor do Contrato con Galicia, un dos episodios que, posiblemente, máis renxe ao tocar o principio da "rexeneración democrática" foi a chamada "trama agraria". Lanzada polo PP en maio de 2010, baseábase na tese da "existencia dunha rede de 28 organizacións fundadas por 44 cargos do PSOE e de organizacións afíns que contratou só en 2006 a 47 persoas con fondos da Consellería de Traballo" do bipartito, que dirixía o socialista Ricardo Varela.

O encargado de presentar a suposta trama ante os medios era o voceiro do PP, Antonio Rodríguez Miranda e o principal destinatario das acusacións, o secretario de organización do PSdeG, Pablo García, que no período de tempo no que se tería xestado a presunta rede realizaba o labor organizativo no sindicato Unións Agrarias (UU.AA.). Con escasa modulación, Miranda non dubidou en asegurar que os socialistas “puideron sacar pola porta de atrás máis de 645.000 euros en 2006”, para pagar, entre outras cousas, “gastos de campaña do PSOE e tamén para presuntamente aforrar nóminas ao propio PSOE e xa veremos a quen máis”.

A grandes trazos, esas acusacións derivaron en toda unha espiral de acusacións mutuas, querelas xudiciais e mesmo unha autodenuncia do ex conselleiro de Traballo. Unha desas querelas foi presentada por UU.AA. despois de que funcionarios da Xunta enviados polas consellerías de Traballo e Presidencia inspeccionasen varias sedes do sindicato agrario para recabar probas das presuntas irregularidades cometidas. Esa actuación derivou na imputación por "abuso de poder -un tipo de prevaricación administrativa-" do director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada, do daquela director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, que vén de asumir un alto cargo no Goberno central.

Na parte estritamente política, o PP chegou a rexistrar a solicitude dunha comisión de investigación sobre as "actuacións de iniciación, tramitación, destino, comprobación e control das axudas percibidas dende o ano 2006 a 2009 con cargo ás ordes dos programas de cooperación por parte de asociacións vinculadas a Unións Agrarias". Rexistrada de "urxencia" en abril de 2011, os populares non chegaron a activala, se ben continúa pendente e, polo tanto, podería ser efectivizada se así o considerasen pertinente.