0 Gardados para despois

Feijóo promete un novo "rexurdimento" de Galicia baseado no control do déficit

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Con menos expectación que hai catro anos e tamén con menos emoción. A ausencia de expectativa de cambio político rebaixou notablemente este martes a atención suscitada polo candidato á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no inicio do seu segundo debate de investidura. O líder dos conservadores galegos accedeu á tribuna do Pazo do Hórreo cun discurso de 49 páxinas, tres máis que hai tres anos e medio, para poñer en escena unha intervención con máis economía ca política e un ton xerencial que Feijóo encamiña cara a unha promesa de altos voos e difícil translación ao plano práctico: "un novo rexurdir de Galicia que sexa no século XXI a versión social e económica do que foi o Rexurdimento cultural no XIX".

Para a consecución desa gran empresa Fejóo presenta a súa propia xestión como o mellor aval: "un dos piares está posto, a solvencia da nosa comunidade", asegura, nun contexto no que debulla boa parte das súas ideas forza de campaña electoral: "Galicia volverá ser a autonomía con menos axustes", "Galicia está en mellores condicións para ser das primeiras en saír da crise" e "en Galicia será esta, por fin, a lexislatura na que se volverá falar de crecemento". E todo isto, como? "Non será sinxelo", respóndese, pero o país conta coa vantaxe de que "iniciou hai case catro anos un camiño alternativo" de control do déficit público e agora, por exemplo, "ningún dos membros do Goberno que tomen posesión vivirá a desagradable sorpresa de atoparse con imprevistos nos caixóns" nin con "buracos ocultos", afirmou, na que foi a única e velada referencia ao bipartito de PSdeG e BNG.

Máis "fondos" pero menos impostos

El, di, ten como modelo "aos cidadáns esforzados que non gastan por riba das súas posibilidades". E nesa mesma clave, a de administrador, debulla promesas xa coñecidas, como "manternos entre as comunidades que mellor pagan de toda España" ás que lle engade outras novas, entre as que destaca a creación dun "fondo para o crecemento" que, di, "incluirán" os Orzamentos Xerais para 2013. Sen definir con cantos cartos nin de onde sairán, o popular asegura ter prevista unha bolsa económica que "primará" investimentos "que contribúan ás principais reformas estruturais que precisa a economía galega", como no ámbito lácteo ou forestal ou os "investimento tecnolóxicos, viarios, sanitarios ou hidráulicos".

Feijóo promete un "fondo para o crecemento" nos Orzamentos de 2013 sen especificar o xeito en que o financiará

Das verbas de Feijóo cabe deducir que o financiamento dese novo fondo non chegará vía impostos, toda vez que a maior parte da vertente tributaria do seu discurso se centrou en anunciar "baixadas selectivas". Como xa fixera en 2009 o candidato volve prometer unha baixada do IRPF -aquela ficou aparcada-, desta volta dentro dunha Lei do Emprendedor e centrada nos "investimentos en capital de entidades de nova creación" por parte de "mozos emprendedores", cun 20% de rebaixa limitada a 4.000 euros ou o dobre se o investimento é en accións deste tipo de empresas.

Se cadra, o presidente in pectore agarda compensar esta baixada na recadación co "novo modelo de financiamento autonómico" polo que, asegura, loitará ante o Goberno central. Para isto, anuncia, a Xunta elaborará "un estudo no que se especifique o gasto no que incorre a nosa comunidade por cada servizo que presta", no que pesen factores como a dispersión poboacional ou o avellentamento. Dende San Caetano tamén se procurarán fondos no escenario europeo, asegura. Despois de dar por feito nos últimos meses que seguirían a chegar a Galicia axudas da UE malia perder a condición de "obxectivo 1", agora sinala que a súa intención é a de "propoñer a creación dun foro autonómico entre o Goberno central" e as autonomías que están no mesmo caso que Galicia -Andalucía e Castilla La Mancha-" que "nos permita coordinación e unidade de acción".

Menos Parlamento e decreto do galego

As novidades apuntadas por Feijóo no económico para o "novo rexurdimento" apoiado na "maioría maís ampla" do PP semellan que non chegarán a outros ámbitos, como o institucional ou o lingüístico. Así, mantén intacta a súa intención de recortar o número de escanos do Parlamento o máximo "posible" sen tocar o Estatuto -de 75 a 61- e presenta igualmente inmutable a súa política lingüística, tamén tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que invalida parte do denominado decreto do plurilingüismo. "O TSXG vén de avalar que nesta comunidade bilingüe o ensino sexa en equilibrio", mantén Feijóo, que dende a apelación á "liberdade" asegura, sen especificar como, que o seu Goberno será "coherente" e "actuará en consecuencia coa marxe de manobra que nos outorga a Xustiza", pero sen renunciar a, por exemplo, a "participación dos pais" -vetada polo Tribunal-.

O candidato mantén que o TSXG avala a súa política lingüística e promete vivendas públicas para persoas desafiuzadas

Salferido por periódicos aplausos dende a bancada do PP e escasos comentarios altisonantes pola banda da oposición o discurso de Feijóo, despoxado tamén de citas literarias, foi chegando á súa fin entre a recuperación de proxectos lexislativos xa avanzados, como a Lei de Garantías Sanitarias, e chiscadelas a preocupacións cidadáns que agora ocupan titulares, como a promesa de "poñer á disposición" de persoas afectadas por desafiuzamentos "o parque de vivendas de promoción oficial que están baleiras ou sen adxudicar". "Din que o mellor está por chegar", concluíu o actual e próximo presidente da Xunta. Á espera de saber se será o mellor, o que chegará o xoves será a parte central do debate, coa intervención de PSdeG, AGE e BNG e a réplica de Feijóo.

Discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo

© TVG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Indignación" e sensación de "estafa" entre a oposición parlamentaria

O escaso entusiasmo suscitado pola segunda investidura de Alberto Núñez Feijóo tivo tamén a súa réplica nas filas da oposición onte mesmo quen segue a ser a gran novidade, Xosé Manuel Beiras, mudou o ton combativo pola reflexión "indignada" e mesmo "conmovida". Para o voceiro da AGE o panorama derivado das verbas de Feijóo é "absolutamente tráxico", ata o punto de que "non sei se seremos quen de facerlle fronte" dende a súa formación. "Se non somos quen, só ficará a rebelión cívica" nun contexto no que "o señor Núñez", acusa, teima en facer gala de "desfachatez" para "ir contra a cidadanía".

"No canto de expoñer unha diagnose" o candidato Feijóo fixo algo equivalente, segundo Beiras, a "recitar a letra daquela canción infantil, vamos a contar mentiras". "Dá a impresión de que acaba de chegar, de que a autonomía comeza con el" e de que "aquí non se fixo absolutamente nada", debullou mentre o volume dos cargos do PP presentes no corredor do Pazo do Hórreo baixaba ostensiblemente. "Se cadra perdín o costume de escoitar mentiras de maneira tan descarada", di, para censurar un discurso que considera "un combinado de desprezo pola intelixencia" e "polos cidadáns". Segue na súa teima de ser unha brigada de demolición, de limpeza étnica, de ecocidio e etnocidio, aínda que seguramente eses dous termos non os coñecen", ironiza. "Estou demasiado indignado para seguir falando", sentenciou.

Tamén pola banda de PSdeG e BNG lle choveron as críticas a Feijóo, que encarna unha caste de "doctor Jekyll e mister Hyde", a xuízo do voceiro do BNG, Francisco Jorquera. "Por unha banda" o líder conservador di que o principal problema "é o paro" pero "ao longo do seu discurso evidenciou a súa total obsesión polas políticas mal chamadas de austeridade" que "o único que fan é agravar os problemas da xente". "O único que sabe é facer recortes" polo que "as súas apelacións ao crecemento carecen da máis mínima credibilidade" nun contexto caracterizado pola súa carencia "da máis mínima sensibilidade social" e o seu exercicio de autocomplacencia".

Pola banda socialista o seu voceiro, Abel Losada, observou no discurso de Feijóo un intento de verdadeira "estafa", semellante á do "estafador checo que quixo vender a Torre Eiffel en dúas ocasións". Para Losada o candidato popular tenta "encubrir un ataque fortísimo aos servizos públicos" coas dificultades orzamentarias. "Teño unha sensación de dejà vu", di o socialista, aínda que Feijóo tente "obviar que xa gobernou durante a pasada lexislatura" mediante o despregamento de "moita retórica e ningunha solución, moitas mentiras, medias verdades e manipulacións.

"Feijóo, somos 65.000 familias e imos morrer así!"

O inicio do debate de investidura cadrou no tempo coa primeira xornada da folga de entregas de leite posta en marcha polos gandeiros e gandeiras de Galicia. A protesta gandeira estivo presente fóra do Pazo do Hórreo, cunha concentración, pero tamén dentro do propio hemiciclo, primeiro con carteis colocados nos escanos do BNG coa lenda "prezos dignos para o leite galego" e despois, a través dos propios representantes do sector que seguían o pleno dende a tribuna de convidados.

"Feijóo, temos que tirar o leite!", "somos 65.000 familias e imos morrer así!", berraron algúns dos presentes dende a tribuna, onde eran sometidos a unha férrea marcaxe por parte dalgúns dos responsables dos servizos da Cámara. Así, escasísimos segundos despois de que un dos gandeiros amosase un cartaz reclamando uns pagamentos xustos para o seu produto, este foille arrebatado das mans. Minutos despois, os gandeiros foron expulsados do edificio.