Pachi Vázquez reafírmase na oposición a Feijóo, "contable de Galicia"

Vázquez, visto a través das pantallas de televisión, no hemiciclo CC-BY-SA Praza Pública

O secretario xeral do PSdeG era o único dos líderes da oposición galega que repetía este labor tras as eleccións do 21 de outubro. Ademais, Pachi Vázquez tiña diante de si o reto de reformular a súa oposición a Alberto Núñez Feijóo antes da reformulación interna do seu partido, tamén do seu liderado. Sobre esta base o líder socialista afrontou o debate de investidura non como un rexeitamento frontal á nova toma de posesión do líder conservador, senón como unha continuación dos seus principais argumentos de campaña electoral e dos últimos tempos da pasada lexislatura. Porque, como antes dos comicios, di, Feijóo non poderá "contar" co PSdeG "mentres se empeñe en ser o contable de Galicia".

Ante unha estratexia dos populares centrada en ofrecerlles pactos aos socialistas que deixe de lado a AGE e ao BNG, Vázquez asegura que as súas propostas seguirán a ser que Galicia tome "un camiño distinto, que comeza por facerlles pagar a crise aos seus responsables". Ao seu xuízo, das propostas incluídas no discurso de investidura de Feijóo só cabe deducir que o PP seguirá a levar o país por un vieiro no que só hai "máis paro, máis recesión, máis pobreza e máis destrución de servizos públicos e cidadáns". O presidente in pectore, censura, fala de que Galicia pasará dous anos de "transición" antes de comezar a recuperarse das dificultades económicas, un "termo light" por tras do que se agocha "un desastre" ante o que Feijóo ten "un compromiso único, a estabilidade das contas públicas".

"Como se atreve a dicir que dá por perdida a metade da lexislatura e profetizar que, no 2015, isto seguramente vai mellorar?"

Pero "a xente ten que vivir en 2013 e 2014". "Como se atreve a vir aquí dicir que dá por perdida a metade da lexislatura e profetizar que no 2015, seguramente isto vai mellorar?", cuestiona Vázquez, convencido de que a situación non reverterá coas receitas do "déficit cero" que Feijóo asegura que aplicará na Xunta e que xa só apoian "o Tea Party, Esperanza Aguirre e vostede". Ademais, di, isto prodúcese nun escenario no que "as contas" autonómicas "só están ordenadas na súa cabeza", porque "o Consello de Contas fai un informe demoledor" que, subliña, detecta "un desprazamento irregular de 411 millóns" en facturas do ano 2010 as cales, augura, van alterar precisamente o devandito "nivel de déficit".

O roteiro de Feijóo, resume Vázquez, pasa por prometer "déficit cero" mentres "baixa a recadación" por impostos, xa que promete que os vai baixar, e ao tempo "van baixar os fondos europeos". Polo tanto, deduce, o "crecemento" vaticinado polo presidente é "imposible". "Por Galicia, pídolle que reflexione" e que non fíe a recuperación a "un fondo de crecemento sen fondos" que, "no mellor dos casos, vai ser un corta e pega de partidas xa existentes". "Non pode vincular o crecemento a algo que non existe", polo que hai que "coller os cartos de onde os hai". Por exemplo, di, impoñendo o "imposto á banca" que el mesmo propuxo en campaña. "Cando veña coas súas propostas por este camiño, aí nos atopará", conclúe.

Pachi Vázquez intervén durante o debate © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.