0 Gardados para despois

Menos cartos para a sanidade e dúas semanas máis para operarse

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


5. “Sanidade con garantías. Mellorar as condicións e a calidade na asistencia sanitaria e reducir as listas de espera, con garantías legais para os pacientes”

A sanidade adoita ser un dos argumentos habituais nas campañas electorais e a de 2009 non foi unha excepción, como tampouco o foi durante a etapa de Alberto Núñez Feijóo, uns anos nos que non faltou a exhibición no Parlamento de citas médicas fixadas para un ou dous anos despois de seren solicitadas. Ao asinar o seu Contrato con Galicia o actual presidente da Xunta fixou dúas directrices básicas, "mellorar" a calidade da asistencia e "reducir" as listas de espera, arma arroxadiza clásica entre goberno e oposición. Para sacalas do debate político, prometía, impulsaría unha lei para fixar os límites de agarda en función de criterios como a gravidade das patoloxías. Pero chegou a hora de gobernar. Como noutros ámbitos, a xestión do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e do bipartito foi a razón ofrecida pola Xunta para evitar unha promesa electoral; a lei de tempos de espera sanitaria, chegou a explicar Feijóo, non puido facerse realidade por ter que devolver os cartos anticipados erroneamente polo Estado ao Goberno de PSdeG e BNG, 2.600 millóns que tiñan que ser devoltos en cinco anos, aínda que o novo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, xa asumiu o compromiso de alongar o prazo a unha década.

A finais de 2011 había case 3.500 persoas máis agardando que no remate de 2008

Aínda que as condicións mudasen non está previsto que esa lei chegue durante a presente lexislatura, na que a crise azouta o conxunto do esquelete dos servizos públicos, situando no centro dos impactos precisamente ao sistema sanitario público. Coa sombra do copagamento planeando intensamente sobre o Servizo Galego de Saúde, Feijóo erixiuse en abandeirado estatal dos problemas da sanidade pública e da débeda de 15.000 millóns que suman todas as comunidades autónomas. Mentres isto acontece, unha ollada a dúas variables fundamentais, as listas de espera e os orzamentos, permite tirar un balance pouco favorable para o cumprimento do Contrato.

Atendendo aos datos oficiais do propio Sergas, os números non falan a favor do actual Goberno galego. Na principal lista de agarda, a cirúrxica, o pasado 31 de decembro había 3.468 persoas máis esperando que o mesmo día de 2008, último ano completo gobernado polo bipartito. Concretamente, pasouse de 32.122 doentes agardando por unha intervención a 35.590 facendo o propio.

Se o resultado en canto a número de doentes agardando non é positivo, tampouco o é no referido ao tempo que deben esperar para pasar polo quirófano. Lonxe da promesa case mítica dos 65 días, cando o PPdeG asumiu de novo a xestión do Sergas, as cifras oficiais dicían que cumpría agardar 70 días para unha operación en Galicia. A finais de 2009 esa cifra pasara xa a case 10 días máis, concretamente 79,6. Despois dunha leve baixada en 2010, que rematou cunha espera media de 75,8 días, o 31 de decembro do pasado 2011 as autoridades sanitarias galegas recoñecían que a agarda volvera repuntar, situándose no 83,8 días. Non obstante, dende a Consellería de Sanidade óptase actualmente por ofrecer publicamente as cifras non dun xeito global, senón por prioridades, e explícase a suba da espera media argumentando que baixou notablemente na "prioridade 1", isto é, nos doentes con enfermidades máis graves e aos que cómpre intervir máis urxentemente.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O orzamento sanitario perde 200 millóns en tres anos

Unha das acusacións máis recorrentes das dirixidas contra o labor do Goberno de Alberto Núñez Feijóo é a dos "recortes" na sanidade, que o presidente da Xunta vén negando ata o punto de afirmar o pasado febreiro que "pasará á historia" como "un defensor da sanidade pública". Á marxe da reiterada afirmación segundo a cal "tres de cada catro euros" das contas públicas galegas van parar ás áreas sociais da Administración, unha ollada aos sucesivos Orzamentos xerais da Xunta permite afirmar que a sanidade pública galega perdeu cartos desde 2009. Nomeadamente pasou dos 3.766 millóns que sumaban as partidas sanitarias nas últimas contas do bipartito ás 3.545 de 2011, unha cifra que segue a caer en 2012 -aínda caben modificacións no orzamento deste ano, dado que aínda non se coñecen os plans económicos do Estado-.

Así as cousas, o Servizo Galego de Sáude ten que atender unha poboación menos numerosa pero máis avellentada con 221,5 millóns de euros menos. Malia á baixada poboacional, o recorte provoca tamén unha diminución do gasto por habitante. Segundo os datos recompilados pola Plataforma de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, o Sergas investía en 2010 1.333,39 euros por habitante, pasou a facer o propio con 1.266,13 euros e neste 2012 a cada galego corresponderanlle 1.262,77 euros de gasto sanitario. Isto acontece en dous anos nos que Galicia perdeu 2.231 habitantes. A poboación galega mingua pero é máis anciá e, polo tanto, precisa máis atención médica. As persoas maiores de 65 anos aumentaron en 42.940 neste treito temporal e xa son 629.477. Delas, 93.600 teñen máis de 85 anos.

 

Menos mans para para máis traballo

"Non temos mans para tanta xente". Deste xeito se expresaba unha traballadora do Hospital Clínico de Santiago durante unha protesta, a finais do pasado febreiro, para denunciar as condicións laborais nas que ten que exercer o seu labor, no servizo de urxencias do hospital. Esta afirmación pode ser un bo reflexo do clima xeral os profesionais sanitarios galegos que, como o resto de persoal público, ven minguado o seu número e as súas condicións laborais.

Tal e como ten detallado Praza Pública, a Asociación Galega para  Defensa da Sanidade Pública xa fixo os primeiros cálculos do impacto que terá no Servizo Galego de Saúde a lei de recortes aos funcionarios e ao persoal laboral que vén de aprobar o Goberno galego pola vía de urxencia. Tendo en conta que esa nova normativa contempla as xubilacións forzosas como a norma xeral a aplicar en toda a Administración, o colectivo estima que se atoparán nesta situación uns 1.900 profesionais da medicina nos vindeiros catro anos. Tendo en conta que a Xunta só prevé cubrir o 10% desas xubilacións, o resultado final será que 200 médicos terán que facer o labor que antes facían os seus case 2.000 compañeiros xubilados.

Do mesmo xeito, na sanidade témese que os recortes afecten tamén ao persoal non funcionario. No seu caso, as reducións de xornada implicarían unha maior carga de traballo para o persoal con praza fixa e, por extensión, unha perda de calidade no servizo.

 

A entrada da man privada inquieta a profesionais e pacientes

Nos sucesivos balances da política sanitaria do Goberno, unha das áreas da Xunta seguidas máis de cerca polo presidente Feijóo, os responsables do Sergas esfórzanse especialmente en afastarse das acusacións de "privatización". Con todo, os profesionais sanitarios aseguran que esa pantasma xa non é tal, senón que é un modelo de xestión real. Dende a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública lembran que o primeiro paso do privado nun dos terreos públicos por excelencia foi o fracasado modelo de fundacións sanitarias implantado polos Gobernos de Fraga. Do mesmo xeito, na actualidade xa se privatizou "a central única de compras, a central de chamadas, as unidades de diálese e o plan director de sete hospitais".

Mentres que estas privatizacións puntuais poden pasar máis desapercibidas si estiveron no debate público con maior intensidade nestes tres anos os modelos público-privados para a construción de infraestruturas sanitarias, nomeadamente, o novo hospital de Vigo -ao que a Xunta se afana en engadirlle o apelativo "público"- e varios centros de saúde. Segundo este modelo a prestación dos servizos sanitarios seguirá sendo sendo do Sergas, cuxos traballadores desenvolverán o labor asistencial nun edificio que non é propiedade da Administración autonómica, senón dunha empresa construtora, e que dependerán de servizos auxiliares que tamén exercerán empresas privadas concesionarias.