Feijóo encoméndalle a Rueda a "interlocución" co Parlamento e alimenta a quiniela sucesoria

Foto de familia do novo Goberno © Xoán Crespo

"Elevar o rango da persoa" que se vai encargar da "interlocución co Parlamento". É un dos argumentos cos que Alberto Núñez Feijóo xustifica o ascenso de Alfonso Rueda á Vicepresidencia da Xunta. Vinte e catro horas despois de anunciar o nomeamento e de, instantaneamente, volver activar a quiniela sucesoria no caso de, nun futuro, dar o salto á política estatal, o presidente do Goberno galego explicou por primeira vez en público a súa decisión. Fíxoo no acto de toma de posesión dos membros do Executivo e non desactivou -máis ben todo o contrario- as posibles especulación. O tamén conselleiro da Presidencia será o encargado das relacións "cos deputados e deputadas". A pregunta é que quere dicir isto exactamente e se esa encomenda trae consigo que Rueda manteña a acta de deputado gañada nas eleccións.

A conservación ou non do escano por parte de Rueda non é en absoluto menor xa que, só permanecendo como membro do lexislativo, podería suceder a Feijóo no caso de que este marchase. Polo momento, o interesado limítase a asegurar, a preguntas dos xornalistas, que realizará ese labor "de acordo co que me indique o presidente" e que, con independencia de manterse ou non como deputado, esa non é "tarefa menor". Resta saber tamén se ese encargo de "interlocución" se podería estender tamén a, por exemplo, algunha sesión de control, situando así a Rueda no corpo a corpo cos voceiros da oposición e liberando o seu xefe de filas desa tarefa. Polo momento, Feijóo xa se referiu a Rueda como "presidente", pero só nun lapsus linguae durante o discurso.

Só permanecendo como deputado Rueda podería suceder a Feijóo no caso de que este marchase

Esas primeiras consideracións do presidente da Xunta sobre o nomeamento de Rueda, que non é "un premio" senón unha decisión "eminentemente práctica" e con obxectivo "simbólico", chegaban despois dun acto no que boa parte das miradas estaban postas no único debutante, o xa conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. Entre apertas e parabéns o ex profesor da San Pablo-CEU e ata agora asesor económico de Feijóo debutou tamén ante a prensa asegurando estar "moi contento" e "ilusionado" por "servir a Galicia". Antes, Feijóo gabara o seu "coñecemento teórico, político e económico", ademais de glosar o seu carácter "discreto". Ao novo conselleiro tocaralle, entre outros labores, tentar "manter na terra o talento galego". "O primeiro paso", asegura Feijóo, deuno el mesmo en 2009, traéndoo de Madrid para formar parte do seu equipo máis próximo. Polo camiño queda Javier Guerra, con quen Feijóo asegura que seguirá contando "en novas responsabilidades".

Seis xuramentos, dúas promesas

Rueda e Conde foron protagonistas dun acto no que o segundo plano lles correspondeu aos restantes seis conselleiros e conselleiras. Seis foi tamén o número de membros do Goberno que decidiron asumir o seu cargo xurando sobre a Biblia. Só dous, os titulares de Educación, Jesús Vázquez, e Sanidade, Rocío Mosquera, optaron por prometer sobre o Estatuto de Autonomía. Uns e outros iniciaron mandato ante un crucifixo, como veu acontecendo en toda a historia autonómica coa excepción das tomas de posesións dos gobernos presididos por Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño.

Todos asumiron o cargo ante un crucifixo, como en toda a historia autonómica agás nos gobernos de Laxe e Touriño

Feijóo defende que o seu terceiro gabinete estea composto por "caras coñecidas". Ás consellerías non se "chega para aprender" e ademais, asegura, o resultado electoral "avala" tamén a nómina de conselleiros e conselleiras. A eles, di, correspóndelles abordar o "crecemento" económico do país dende "o goberno máis reducido das nacionalidades históricas -aínda non se coñece a composición dos novos gobernos vasco e catalán-".

As reflexións presidenciais foron seguidas en primeira fila do salón nobre do Pazo de Raxoi polas principais autoridades da autonomía, entre as que a organización do eventou ubicou tamén a persoas alleas a ese rango institucional, tales como os voceiros do PP no Senado, José Manuel Barreiro, e no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira. Con menor comodidade e tanto ou máis apertados que os xornalistas que cubrían o acto estiveron os familiares dos conselleiros e conselleiras. Só un, o pai da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, logrou un posto en primeira fila. "Vostede quen é?", preguntoulle Feijóo ao rematar, se cadra sorprendido pola adiantada posición da súa cadeira.

Rueda xura o seu cargo © Ana Varela
Conde, no xuramento do seu cargo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.