Bildu continúa coa súa campaña contra o malgasto de cartos públicos no Parlamento vasco

Parlamento vasco © Praza Pública

A Mesa do Parlamento vasco anunciou este luns a suspensión da compra de cen iPads, cun orzamento inicial de 114.950 euros e un importe final de 220.000. A coalición viña denunciando que non habia unha "necesidade real" pois os deputados xa contan cun iPhone e un portátil, que na pasada lexislatura custaron máis ou menos 3.000 euros. Bildu criticaba que "a decisión da Mesa supón un desbalde de cartos públicos que nunca ten xustificación, pero menos ainda na actual coxuntura económica”.

"Queda claro que poñer freo a irresponsabilidades coma a das tabletas está nas mans da cidadanía"

Os representantes de PNV, PSE e PP opuxéronse á proposta de paralización da compra e seguiron adiante. Daquela, EH Bildu anunciou que renunciaba aos seus iPads, e nas redes sociais se iniciou unha campaña nas redes sociais para denunciar o derroche. O venres o PSE sumouse á petición de suspensión da compra de tabletas e finalmente este luns a Mesa anunciou que recuaba na súa proposta. O deputado de Bildu Juanjo Agirrezabala, vicepresidente primeiro do Parlamento, destacou que a presión social obrigou a moverse a PNV, PSE e PP: "queda claro que poñer freo a irresponsabilidades coma a das tabletas está nas mans da cidadanía".

Bildu continuará con outras propostas para evitar o malgasto de cartos públicos esixindo que os deputados cobren os gastos reais que teñan nas súas viaxes e non a cantidade fixa que se lles paga ainda que vaian convidados

Pero Bildu non se contenta con isto e continuará con outras propostas para evitar o malgasto de cartos públicos esixindo que os deputados cobren os gastos reais que teñan nas súas viaxes e non a cantidade fixa que se lles paga ainda que vaian convidados. EH Bildu proporá na xuntanza deste martes da Mesa que se renove o regulamento de 1991 que fai que os parlamentarios cobren 117,43 euros por día nas súas viaxes fóra da comunidade autónoma e 162,86 euros na viaxes fóra de España, independentemente de se teñen ou non gastos que xustifiquen esa cantidade. O custe destas dietas foi o pasado ano de 127 mil euros. Bildu tamén proporá que o Parlamento acabe coa compra de entradas para a ópera de Bilbao, o Festival de Cine de Donostia e o Festival de Teatro de Vitoria-Gasteiz que despois se poñen a disposición dos parlamentarios, e denuncia que en 2012 o Parlamento destinou 30.000 euros para un convenio coa Asociación Bilbaina de Amigos de la Ópera, obtendo entradas a cambio.

Parlamento vasco © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.