O BNG abre a internet a participación no debate sobre "o futuro do nacionalismo"

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

Construíndo futuro. Documento aberto para o debate sobre o futuro do nacionalismo e a revitalización do BNG. É o título dos primeiros textos xurdidos da reflexión interna iniciada no BNG tras a derrota electoral do 21 de outubro. Tras unha primeira rolda de asembleas comarcais, nas que a militancia do Bloque realizou as achegas que considerou adecuadas para encarreirar o futuro da organización, os nacionalistas veñen de abrir este mesmo debate a internet. Concrétano a través dun espazo na súa web na que, baixo o título #propónconnosco, convidan a quen o desexe a realizar a súa suxestión ou reflexión coa garantía, explican dende a formación, de que a mensaxe "chegará" á dirección nacionalista e que, ademais, "terá resposta".

As mensaxes "chegarán" á dirección nacionalista e, ademais, "terán resposta", garanten dende o BNG

Co obxectivo de "servir de motor para o debate" aberto no seo do Bloque "nesta grave encrucillada histórica", o documento amosa un ton autocrítico e de procura de novos camiños. "A nosa organización non sempre soubo atinar á hora de trasladar as demandas e sentimentos daquela parte de sociedade á que pretendemos representar", explica o texto elaborado a partir das achegas dos e das militantes. No proceso encetado tras o 21-O "o obxectivo é manter vivo o vencello político e afectivo coa ampla base social do nacionalismo e da esquerda", tamén tras un correctivo nas urnas que, analizan, foi "debido á propia campaña electoral, a certas limitacións para trasladar con forza as nosas propostas, a unha forma de comunicar que puido quedar algo acartonada (...) e mesmo á composición das nosas candidaturas".

O BNG, di o documento que dende este martes está aberto a achegas da cidadanía a través da rede, está tamén afectado pola "profunda crise política xeral", ata o punto de que, malia ser "unha voz radicalmente crítica cos grandes partidos sistémicos, acabou sendo percibido por unha parte da cidadanía, e especialmente da mocidade, como un partido máis desa paisaxe". Entre "os aspectos que se valoran en xeral como críticos á hora de entender o noso devalo", apuntan, figuran "certas mudanzas erráticas de discursos e liderados" que "crearon desconcerto nunha parte da nosa base social". Tamén inclúen neste punto as "experiencias de goberno" en concellos e na Xunta, en coalicións co PSdeG "que non sempre deron os resultados agardados" por esa mesma base social.

"Non soubemos ou non tivemos capacidade para valorizar as conquistas das que fomos artífices", di o documento

Así e todo, e malia considerar que as "alianzas co PSOE" puideron acabar "volvéndose moi negativas para a valoración do BNG" por viraren os socialistas en "cómplices de políticas antisociais", a militancia do Bloque coida tamén que "os acertos" da etapa do Goberno bipartito "ficaron escurecidos polos erros, habelenciosamente manexados e magnificados polos nosos adversarios". Así, din, "non soubemos ou non tivemos capacidade para valorizar suficientemente aquelas conquistas das que fomos artífices", como "o eólico, o banco de terras, contratos homologados, galescolas, dependencia ou I+D".

Movementos sociais, organización e comunicación

O segundo gran apartado deste primeiro documento de debate interno que agora tamén é externo céntrase na organización do Bloque e na súa proxección social. Así, por exemplo, as reflexións abranguen dende a necesidade de "realizar unha ampla e sincera autocrítica" no que atinxe á relación cos movementos sociais, os xa existentes e outros novos, "caso do 15-M", ata a aposta de "moitos compañeiros e compañeiras" por que "o BNG tome a iniciativa de cara a articular canto antes unha coalición de organizacións soberanistas e de esquerda das nacións sen estado para concorrer ás eleccións europeas". Do mesmo xeito, o debate xira tamén sobre a conveniencia ou non de "reformular, reforzar" ou mesmo "disolver" a organización xuvenil do Bloque, Galiza Nova, ou de repensar a estrutura interna en xeral, poñendo o acento no "asemblearismo" e facendo a organización "permeable" aos simpatizantes.

"Moitos e moitas vemos a necesidade de reflexionar sobre a calidade comunicativa dos nosos discursos"

No ámbito da comunicación as achegas recibidas ata o momento refírense tamén á necesidade de "reflexionar sobre as nosas relacións cos medios de comunicación" e cos seus profesionais, partindo da base de que "non son o mesmo os medios e os individuos que neles traballan, normalmente en condicións de forte presión". "O certo é que non sempre somos capaces de ponderar esas contradicións", admiten, nun contexto no que "moitos e moitas vemos tamén a necesidade de reflexionar tamén sobre a calidade comunicativa dos nosos propios discursos e das persoas encargadas de transmitilos".

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.