0 Gardados para despois

Medio Rural privatiza a extinción de incendios con helicópteros ata 2015

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nova privatización no servizo contra incendios. Poucos meses despois da fenomenal polémica creada pola privatización das brigadas que lle fan fronte ao lume a través de helicópteros, a Xunta repetirá a operación e farao, ademais, por máis tempo. Malia ás denuncias sindicais, que o pasado verán remataron ante a Fiscalía -a instancias da CIG- para tentar frear o paso a mans privadas deste "servizo público esenceial", o Consello da Xunta decidiu este xoves, na súa primeira reunión ordinaria da lexisaltura, darlle luz verde á licitación dun contrato "do servizo integrado de helicópteros e brigadas helitransportadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais durante as precampañas e campañas dos anos 2013 e 2014". Polo tanto, ata 2015.

Cun sistema moi semellante ao empregado para privatizar o salvamento marítimo que se realiza mediante helicópteros, a Xunta non só contrata o mantemento e posta á disposición das aeronaves, senón tameń os e as brigadistas, achegados pola compañía que resulte adxudicataria. Neste contexto, todo semella indicar que se aveciña unha nova treboada laboral no servizo público contra incendios, mentres a Xunta xustifica que os helicópteros son "un medio que precisa de persoal especializado e autorizado para a realización dos labores de pilotaxe, mantemento ou reparación, o que supón a necesidade da contratación dun servizo que permita a dispoñibilidade total desas aeronaves, completamente equipadas e tripuladas".

A contratación é moi semellante á utilizada para privatizar o salvamento marítimo con helicópteros

"A proposta de xuntar ao servizo das aeronaves a prestación do servizo das birgadas helitransportadas" supón, segundo a Xunta, "establecer un servizo integral que optimiza o funcionamento e os custo", ademais do "aforro que implica a exención do IVE para o conxunto do contrato", xa que a lei permite liberar deste imposto a contratación das aeronaves. Trátase, polo tanto, dun argumentario moi semellante ao utilizado na contratación do salvamento marítimo na que, non obstante, non se inclúe a cifra de cartos públicos que van ser gastados -esa cantidade será pública cando se inicie formalmente o procedemento de contratación-. 

Así as cousas, cabe concluír que a Xunta desoe por completo as reivindicacións do persoal deste servizo, que aínda o pasado setembro reclamaba o establecemento "dun sistema único" de loita contra o lume, cunha "única" lista de contratación e completa "profesionalización", todo isto realizado dende un ámbito integramente público. Daquela, as forzas sindicais alertaban de que a "atomización" do servizo e o seu gradual traspaso a mans privadas puña en perigo a eficacia da prevención e da extinción das lapas. Facíano despois de que as brigadas helitransportadas fosen adxudicadas á empresa Inaer, a mesma que se encargará do salvamento no mar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.