Feijóo saca peito ante o resto do PP e Guillerme cre que "do contrato non queda nada"

Guillerme amosa unha imaxe de Feijóo co 'Contrato' CC-BY-SA BNG

"Síntome tranquilo, porque fun fiel ao compromiso de ser un Goberno austero e responsable". Cun chisco menos de solemnidade que despois de gañar as eleccións e con moita menos da aplicada na presentación, en febreiro de 2009, do Contrato con Galicia, Alberto Núñez Feijóo aproveitou o pase que recibiu en forma de pregunta tras o Consello da Xunta deste xoves para facer balance dos seus tres anos á fronte do Goberno de Galicia. Cun informe sobre os datos de déficit público sobre o atril, o presidente do Executivo semella poñerse unha nota alta. Convencido de estar a facer "o que nos pediron os galegos hai tres anos", realiza unha pechada defensa da súa propia xestión, mesmo comparándoa implicitamente coa dos seus compañeiros de partido que tamén presiden autonomías, unha figura escasa hai tres anos e moi abondosa no PP actual.

Feijóo gábase de xestionar mellor a crise que outros presidentes do PP

Aínda que "nunca un goberno autonómico se enfrontou a tantos problemas con menos recursos", o presidente debulla unha receita de "unidade", "austeridade" e "responsabilidade" para asegurar que o seu é xa un gabinete de "referencia" no que se refire a "solvencia e equilibrio orzamentario", cunha cadratura do círculo económico case total. A Xunta, di, "paga as súas débedas e compromisos" e "foi quen de manter a solvencia en época de rise incrementando os servizos públicos, facendo máis actividade nos hospitais, construíndo máis hospitais" e habilitando "máis prazas de gardería, centrso de día e de maiores, máis idiomas e máis tecnoloxías na educación".

É esa mesma xestión económica a que, segundo o balance presidencial, Galicia pode ollar por riba do ombreiro a outras autonomías, mesmo á presidida pola secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal. A contención do déficit, asegura Feijóo, "nos permite non ter que facer axustes que se están facendo noutras comunidades". "Onte houbo unha folga xeral na Función Pública de Castela-A Mancha, folga nas universidades de Catalunya, manifestacións en Valencia e Madrid, os nosos amigos de Castela e León subiron 5,6 céntimos o prezo do gasoleo e da gasolina...". "Todo isto non se fixo en Galicia", resume. "Isto non é unha cuestión que fai a Xunta, é unha conquista da sociedade galega neste  momento", mantén Feijóo, pero "cando hai unha boa notiica, hai que reflectila".

O balance do BNG: un contrato "que quedou en nada"

Fronte ao optimismo reinante en San Caetano, o contrapunto ao balance chegaba dende a sede nacional do BNG por boca do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez. Despois de que Ana Pontón, así como o socialista Pachi Vázquez, ofrecese xa no pleno do Parlamento un adianto da súa avaliación do terceiro aniversario, o líder nacionalista toma como referencia o célebre Contrato do líder dos populares para ver o papel do documento máis mollado ca nunca. Aquelas promesas "poñían como prioridade o emprego e establecían unha estratexia económica que aplicou en sentido contrario". "Tres anos despois, deste contrato non queda nada", afirma Vázquez.

Guillerme: "Fraga polo menos facía o paripé, visitaba ministerios e disimulaba, Feijóo nin iso"

En opinión de Guillerme Vázquez, ao "traxe de austeridade" co que o PP retornou á Xunta "ábrenselle as costuras e aparece a realidade dunha política equivocada, fracasada, sen pulso". Así, asegura, Feijóo preside hoxe o "peor Goberno da historia de Galiza" e atópase "esgotado, acurralado" e "incapaz de xustificar as súas actuacións". "Si tomou decisións, mais foron equivocadas e agravaron a crise", sinala o líder do Bloque: "liquidación das caixas, paralización do concurso eólico e aumento da débeda", resume. Neste contexto, Vázquez afirma que nin sequera chegaron resultados dos múltiples "actos por todo o Estado" que "continuamente" protagoniza o presidente. "Só lle recordo unha vista na que foi conseguir algo: a do Papa". "Fraga polo menos facía o paripé, visitaba todos os ministerios nun día e disimulaba". "Feijóo, nin iso", conclúe Guillerme Vázquez.

Guillerme amosa unha imaxe de Feijóo co 'Contrato' CC-BY-SA BNG
Feijóo, tras o Consello da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.