0 Gardados para despois

Os maiores agardan pola atención e os mozos, polo traballo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"6. Dependencia efectiva. Dotar aos dependentes e asistentes de garantías para que reciban o servizo que por Lei lles corresponde nun prazo seguro".

"7. Opcións de conciliación. Responder por completo á demanda de pais e nais por unha praza de gardería e flexibilizar opcións para acadar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar".

"8. Mocidade en primeiro plano. Ampliar as oportunidades para que os mozos poidan vivir, estudar e traballar na súa terra, con políticas de vivenda efectivas, abrindo máis opcións de formación, e facilitando a súa entrada no mercado laboral"

Persoas maiores, persoas mozas e mulleres. Son tres argumentos recorrentes en moitas campañas electorais e tamén o foron do Contrato con Galicia asinado por Alberto Núñez Feijóo antes de concorrer ás eleccións que o situaron na presidencia da Xunta. Con problemáticas e circunstancias propias, adoitan ser situados entre os elos máis febles da cadea social, e Feijóo non foi unha excepción. Por iso ao chegar ao Goberno asegurou que, no caso da dependencia, rematara o tempo da "propaganda" e que, antes do remate do propio 2009, estarían atendidas todas as persoas que o precisasen con máis urxencia. Da man desta promesa chegaba outra aínda máis mediática e dificilmente realizable: cada localidade de máis de 1.500 habitantes tería o seu propio centro de día para os veciños dependentes. O que é o mesmo, tería que ter erguido 257 destes centros en todo o país, unha cifra ben avultada que entra no terreo do fantasioso para as Administracións en tempos de crise económica. 

Feijóo prometeu un centro de día para cada concello de máis de 1.500 habitantes, o que equivale a 257 centros

Desbotado o ladrillo como vía para incrementar a atención ás persoas en situación de dependencia, boa parte da batalla do Goberno galego céntrase no financiamento da lei que lle dá soporte ás prestacións, aprobada na primeira lexislatura do gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero. "Non se pode dictar leis e dereitos e despois negalos", sinalaba Feijóo en campaña para resumir a necesidade de que Goberno e autonomías financien as prestacións ao 50%. Alén das proclamas políticas, o certo é que o Estado só abona ata 266,57 euros por cada dependente severo -a metade da prestación económica que se lles abona aos familiares coidadores-, pero á Administración autonómica cústalle uns 2.000 euros ao mes manter unha praza de residencia.

Máis de 9.400 persoas seguen a agardar unha resposta sobre a súa situación de dependencia

Con este obstáculo de partida -xa existente no momento da sinatura do Contrato-, unha ollada ás estatísticas oficiais do Ministerio de Servizos Sociais permite coñecer que o pasado 1 de febreiro había rexistradas en Galicia un total de 90.073 solicitudes de axuda á dependencia, das cales 80.640 xa recibiran o correspondente ditame, do cal se deduce que máis de 9.400 persoas seguen a agardar por unha resposta. Segundo a mesma estatística hai 63.092 persoas, cunha enorme predominancia de mulleres, con dereito a seren beneficiarias dunha prestación. Xunto ás cifras oficiais, a oposición socialista ten asegurado nas pasadas semanas que en torno a 40.000 destes beneficiarios recoñecidos seguen a agardar pola súa prestación, xa sexa en forma de axuda económica ou dun servizo asistencial e calculan que as políticas de dependencia perderon uns 3 millóns de euros nestes anos.

Ao tempo, como na sanidade, na dependencia tamén planea a sombra da privatización. Neste sentido, pasou a mans privadas a xestión de diversos centros de día que deixara construídos a antiga Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o capital público desapareceu da Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A mocidade ve o drama do paro por duplicado

Un dos retos da candidatura de Feijóo nas eleccións de 2009 foi captar o voto xuvenil e, con este obxectivo, prometeu situar a xente nova "en primeiro plano", ofrecéndolle "oportunidades" tanto de formación como de traballo. É precisamente o ámbito laboral onde o balance en políticas de mocidade presenta máis carencias, non en van fronte á taxa de paro do 18% que presenta actualmente Galicia, entre os mozos e mozas dispárase ata situarse no 31,2%. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, case 160.000 persoas de entre 16 e 30 anos non traballan.

Se ben a situación de partida non era boa, non semella que a política do gabinete de Feijóo lograse mellorala. No inicio do mandato, a Consellería de Traballo tiña que xestionar un escenario cun 22,9% de paro xuvenil, que non deixou de medrar ata o terceiro trimestre de 2010, cando pasou do 27,5% de comezos dese ano a un 25,4%. Tras esta pausa temporal a escalada continuou con diferentes intensidades ata chegar ao 31,2% rexistrado no cuatro trimestre de 2011, último dato dispoñible ata o momento.

Un ente en disolución que se despide privatizando

Unha das dianas preferidas das críticas de Feijóo durante a campaña electoral foi, no que a servizos sociais se refire foi o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o ente creado pola antiga Vicepresidencia e participado pola Xunta e os concellos para xestionar un abano amplo de servizos, que abranguían dende escolas infantís a centros de día para persoas maiores, pasando por centros de asesoramento afectivo-sexual ou en materia de igualdade.

En virtude do plan de racionalización da Administración, o Consorcio encamíñase cara á disolución, moi previsiblemente neste propio 2010, a xulgar polas previsións contidas nos Orzamentos Xerais para este ano. Non obstante, menos claro está cando comezará a funcionar o organismo que asumirá as súas funcións, a Axencia Galega de Servizos Sociais, prevista nunha lei do bipartito pero concibida para convivir co propio Consorcio.

Tal e como ten informado Praza Pública, os que semella que serán os últimos meses de vida do Consorcio non son sinónimo de inactividade. Non en van, este organismo, que manexará en 2012 un total de 26,3 millóns de euros en transferencias da Xunta e 8,4 dos concellos, puxo en marcha nos últimos meses a privatización da xestión de cinco escolas infantís da rede A Galiña Azul, as antigas Galescolas.

Do mesmo xeito, nestes tres anos minguou notablemente a carteira de servizos do Consorcio. A redución máis drástica foi a derivada da desaparición das antigas oficinas I+B, que prestaban servizos sociais de proximidade especialmente no rural e cunha especial influencia en cuestións vinculadas á igualdade. Do mesmo xeito, tamén se percibiu a práctica desaparición da escena pública dos centros Quérote, creados para prestar asistencia afectivo-sexual á xente moza. Mentres, o persoal do Consorcio mantén un intenso conflito laboral no que reclaman a partes iguais a aprobación dun convenio colectivo e a propia permanencia do Consorcio como servizo público.

A sombra do Foro de la Familia penetra na Xunta

No seu Contrato Feijóo incluíu un apartado específico sobre a conciliación da vida persoal e laboral cunha promesa concreta. A Xunta respondería "por completo" ás demandas de pais e nais neste aspecto con infraestruturas como garderías suficientes ou medidas como a flexibilización dos horarios laborais. Tres anos despois, a política neste aspecto dista en boa medida do prometido no documento asinado no Hostal dos Reis Católicos.

Mentres que o ritmo de apertura de escolas infantís avanza paseniño e coa xestión transferida a empresas privadas, o cerne das políticas de conciliación está contido na Lei de Familia, aprobada en 2011 malia a un duro ditame en contra do Consello Económico e Social. Segundo este organismo consultivo, no que están representados dende as universidades ata as diferentes Administracións ou os sindicatos, a Consellería de Benestar apostou por "recuperar o rol tradicional das mulleres, para aforrar así recursos orzamentarios en dependencia, en garderías e escolas infantís, en actividades extraescolares e comedores".

Nesta liña, o CES vía na norma unha "profunda carga ideolóxica" que pasaba por riba de medidas necesarias como "abrir as escolas pechadas no rural, de construír novas unidades con horario ampliado e adaptado aos horarios laborais, de ampliar a rede pública de escolas infantís e centros de día, de establecer unha liña de axudas á conciliación e á natalidade, de evitar e perseguir as discriminacións relacionadas coa conciliación da vida familiar e laboral" ou "de protexer ás mulleres da pasividade das mutuas na protección do embarazo e da lactación. Pola contra, "coa escusa de protexer á familia", a Xunta tenta "conseguir" que "as mulleres non exerzan o seu dereito a decidir libre e informadamente sobre a súa maternidade, reforzando, desde a administración pública, e con rango de lei, os discursos que cimentan o patriarcado", considera o órgano consultivo.

O outro piar desas políticas veu dado pola aprobación, só cos votos do PP, da iniciativa lexislativa impulsada pola Red Madre, unha plataforma do Foro Español de la Familia que, como ten informado Praza Pública, trouxo consigo, entre outros aspectos, a vía libre para financiar campañas antiabortistas con cartos públicos.