Nace unha plataforma para mudar "en positivo" a "deriva" do PSdeG

Imaxe coa que se presenta a plataforma CC-BY-SA NPSG

Máis voces para o debate interno do PSdeG. Despois de que, nas últimas semanas, un grupo de militantes e dirixentes artellase un foro "por un novo socialismo galego" e mentres, dende Lugo, José Ramón Gómez Besteiro aposta por encontros coa militancia para "escoitar" o xeito de renovar o partido "dende abaixo", outro colectivo interno vén de constituírse en plataforma para "premer o boton de reinicio" da formación e mudar a súa "deriva". Baixo a denominación Novo Proxecto Socialista Galego e co lema En positivo este grupo vén de lanzar un manifesto como paso previo á súa presentación pública, nos vindeiros días.

Partindo da base de que o PSdeG vive, "como o país", tempos "críticos", as persoas promotoras desta corrente ven "indiscutible" que "os graves fracasos electorais e a derriva errática da nosa organización obrigan a adoptar cambios profundos". "A militancia está desorientada mentres a cidadanía observa con desesperanza a nosa parálise", din, e, sen querer "simplificar as causas desta situación", coidan que o camiño non é "evitar a autocrítica negando os propios fallos".

O colectivo lamenta a "ausencia crónica de debate interno" e chama a elaborar un "proxecto de país" dende o PSdeG

Entre os erros que xulgan "evidentes" os redactores e redactoras deste manifesto inicial citan a "ausencia crónica de debate interno" e a "minimización do proceso de reflexión" tras a derrota do bipartito, así como a "proxección cara ao exterior dunha sensación de endogamia" ou a "incapacidade para deseñar e transmitir durante catro anos un programa e un proxecto alternativos aos da dereita que, no caso galego -abondan- debe ser ademais un proxecto de país".

Sobre estas premisas identifican como "absolutamente prioritario" acometer "unha fonda redefinición do noso discurso a través dun proceso de debate aberto ao conxunto da militancia e mesmo a persoas e colectivos non militantes, pero identificados cun proxecto socialista galeguista, autónomo pero solidario dento do socialismo español, que supere dunha vez o sucursalismo". Os seus "eixos principais", din, deberan ser, entre outros, "o galeguismo cosmopolita, incluínte e federalista", a "defensa da economía produtiva", da "igualdade de oportunidades e dos servizos públicos básicos".

O grupo promotor da plataforma realizará unha presentación pública nos vindeiros días

Todo isto, sinalan, debera procurarse dende un partido que sexa "referente ético", con "tolerancia cero" cara á corrupción, con "coherencia democrática" practicada a través da non acumulación de cargos ou da elección de candidaturas a través de listas e primarias abertas e mediante o exercicio da "militancia social", con "limitación á profesionalización da política". O PSdeG, afirman, ten que ser unha "fábrica de ideas" para "ser capaz de xerar un programa permanente".

"Á marxe de propostas personalistas de apoderamento do partido sen armadura discursiva aparente non observamos proxectos de recambio" que "concorden" con estas premisas "e  por iso lanzamos este manifesto", explican. A letra das propostas, anuncian, terá faciana nos vindeiros días, nun acto de presentación pública no que a militancia socialista, auguran, "verá que nos coñece e que se recoñece con nós".

Imaxe coa que se presenta a plataforma CC-BY-SA NPSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.