O PP ataca a AGE por opoñerse á mina de Corcoesto: "Vai xerar riqueza en Galicia"

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

O PP sae ao ataque contra Alternativa Galega de Esquerda para realizar unha pechada defensa da mina de Corcoesto. Despois de que AGE censurase, tras reunirse con veciñanza da zona afectada, o "ataque á riqueza medioambiental" do país que supón o proxecto e o intento de "saqueo" por parte da empresa canadense que o impulsa, os conservadores retrucaron para considerar "paradoxal" que esta sexa "unha das primeiras iniciativas presentadas" no Parlamento polo grupo que lidera Xosé Manuel Beiras. AGE oponse á mina e, polo tanto, deducen, vai "contra a xeración de riqueza en Galicia".

Nun duro comunicado remitido aos medios e non atribuído a ningún dirixente do PP en concreto, a formación que apoia o Goberno galego insiste en que "este proxecto mineiro xerará riqueza e emprego en toda a comarca de Bergantiños", polo que, na súa opinión, AGE só "busca titulares alarmistas nos xornais a costa dunha iniciativa que busca dinamizar a economía galega e xerar postos de traballo". Nomeadamente, afirman, a mina "creará arredor de 270 empregos directos e 1.100 indirectos na zona".

Os populares acusan a AGE de buscar "titulares alarmistas", mentres Beiras subliña que o proxecto "lle compensa á empresa, pero non ao país"

Unha versión ben distinta é a ofrecida non só por AGE, senón tamén pola plataforma de afectados e pola propia empresa, Edgewater, que cifra os postos de traballo en 270. Neste sentido, o voceiro de Alternativa na Cámara, Xosé Manuel Beiras, cenura que o PP e o propio Alberto Núñez Feijóo -que falou de 1.400 empregos- "anden coa trola de postos de traballo". "Este proxecto compénsalle á empresa pero ao noso país, non", afirma Beiras, en cuxa opinión a compañía está a "aproveitar a situación de crise e paro" co apoio da Xunta, pero "é unha chantaxe sobre a xente que está abocada a pasar fame ou ter que emigrar".

Neste sentido, o voceiro de AGE en materia de medio rural, Antón Sánchez, subliña que a Xunta "está enganando a cidadanía", tanto coas promesas de emprego como a través da "ocultación de danos ambientais e impactos sociais que terá este proxecto". "Feijóo falaba de 1.400 postos de traballo pero nin a propia empresa se atreve a falar desa cifra", deixándoa nos devanditos 270, sinala. "Nunha reunión que mantivemos coa propia empresa falaron de máis de 250, porque senón non podería ter a consideración de proxecto estratéxico" que lle concedeu a Xunta. A isto, subliña, engádes as "cartas aos veciños nas que instan a vender os seus terreos dun xeito inaceptable, incluíndo as ameazas". Esta carta, di Beiras, lembra a "procedementos propios do franquismo en terras que querían saquear".

Fronte a todo isto o PP asegura que "na execución deste proxecto, que leva implícita a declaración de utilidade pública, terase moi en conta a protección da contorna". Ademais, afirman, "levarase a cabo unha análise rigorosa da sostibilidade, tanto económica como ambiental, desta iniciativa".

 

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.