Acusan a Baltar de contratar vinte persoas cunha "cacicada" tras botar 32 cun ERE

Baltar e Mato asinan o convenio, o pasado xullo © Xunta

Saen trinta e dúas persoas pagadas con fondos propios e entran vinte pagadas con fondos alleos e vinculadas ao PP. É a operación que identifican os grupos da oposición na Deputación de Ourense na nova política de persoal do grupo de goberno que encabeza Manuel Baltar. Apenas unha semana despois de que o presidente da institución anunciase a posta en marcha do primeiro ERE nunha Administración pública "motivado pola redución de orzamentos e por causas economicas e organizativas" para unha trintena de persoas do seu persoal laboral fixo, PSdeG e BNG aseguran que o gabinete conservador aproveita un convenio coa Xunta para realizar toda unha "cacicada maquillada con financiamento da Xunta", di o voceiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez.

A orixe destes cartos do Goberno galego está nun convenio asinado o pasado xullo por Baltar e pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, por importe de 3,75 millóns de euros. Nese acordo, con fins sociais e laborais, inclúense 1,2 millóns de euros "para a contratación de persoas desempregadas". Esta achega, anunciaba daquela a Xunta, supuña "aumentar en máis dun 300%" a transferencia "da Administración autónomica á provincial a respecto do ano 2011". As contratacións financiadas, sinalaba Traballo, "permitirán dotar os beneficiarios dunha experiencia profesional que lles axudará a mellorar a súa empregabilidade, especialmente naqueles colectivos que atopan maiores dificultades para a súa inserción laboral".

Entre as persoas contratadas a oposición identifica edís do PP, esposas e noras de alcaldes ou integrantes das listas municipais dos conservadores

Entre as 133 persoas beneficiadas por estes contratos a oposición provincial identifica, cando menos, arredor dunha vintena con vinculación directa co PP. Segundo manifestaron no pleno celebrado este mércores na institución, foron contratados, por exemplo, senllos edís do PP en Calvos de Randín, O Barco, O Carballiño, Laza e Vilamarín, esposas e noras de alcaldes ou integrantes das listas municipais populares que non chegaron a lograr escano nos seus respectivos concellos. Fronte a estas acusacións Baltar defende a "legalidade" do proceso, pero os nacionalistas, aos que tamén se sumaron os socialistas, seguen a ver puntos negros. Para o voceiro do Bloque a única mudanza entre a política de persoal de Baltar pai e a de Baltar fillo é que o segundo "cambiou o estilo decimonónico por un con máis glamour".

Pola banda do PSdeG Ignacio Gómez tampouco dubida da "utilización das persoas para as fins partidistas" do PP, tanto co ERE como coas novas contratacións. Trátase, di, dunha "política de gasto público nefasta e de desbalde". Mostra disto, di, é que o despedimento colectivo de 32 empregados e empregadas prodúcese mentres son creadas novas prazas como a dun "asesor técnico da Presidencia" que cobrará 80.000 euros ao mes, afirma.

Baltar e Mato asinan o convenio, o pasado xullo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.