O pacto contra o recorte ás pensións racha polo veto de PSOE e UPyD a Amaiur

Rosana Pérez, en pé, xunto a Olaia Fernández Davila no Congreso © Congreso dos Deputados

Oposición unánime, pero non cunha soa voz. Este xoves ía ser a xornada dunha imaxe histórica: a de todos os grupos da oposición no Congreso dos Deputados anunciando que todos os seus membros ían asinar un único recurso de inconstitucionalidade contra a decisión do Goberno central de non revalorizar as pensións de xubilación conforme á suba dos prezos, como marca a lei. Así ía ser e por iso os xornalistas parlamentarios agardaban que o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, comparecese ante a prensa cos representantes das demais forzas para explicar un acordo que era inédito e que, finalmente, seguirá tendo este carácter. A razón non é outra que un veto a Amaiur.

Segundo as informacións que chegan dende Madrid o Grupo Socialista negouse, xunto a UPyD, a escenificar unha fronte común na que tamén participasen os deputados abertzales. Malia esta negativa, Rubalcaba explicaba ante a prensa que "é a primeira vez na historia da demoracia que todos os grupos da oposición asinan conxuntamente un recurso ante o Tribunal Constitucional". Pero isto non chegou a acontecer. "UPyD veta a Amaiur e o PSOE, admíteo", resumían dende a formación vasca, cuxa contrariedade se estendía a outros grupos como Esquerra Republicana ou o BNG.

Precisamente o Bloque foi, xunto a ERC, un dos grupos que decidiu non participar na "presentación" que "o PSOE tentou organizar ante os medios". Os socialistas, explica a formación frontista, "convidaron a diversas forzas a participar no acto" pero as deputadas galegas "decidiron non participar nesa comparecencia en canto coñeceu a decisión de PSOE e UPyD de excluír a Amaiur". "O BNG foi forza impulsora da presentación deste recurso", explican as nacionalistas, pero "non vai tolerar nunca que ninguén se arrogue o dereito a decidir que forzas políticas democráticas poden ou non asinar un texto". "É intolerábel en termos democráticos a exclusión, por motivos puramente sectarios, dunha forza política representativa dun importantísimo sector da poboación vasca", abondan.

"A exclusión é intolerábel en termos democráticos", di o BNG, que se desmarcou da presentación tras o veto

Así as cousas, e nun contexto no que, aclara o BNG, "o recurso aínda non foi asinado por ningunha forza política" nin "rexistrado ante o Constitucional", o rexeitamento do recorte por parte de todas as forzas da oposición mantense, pero non a súa unidade. Deste xeito, non haberá recurso ante o TC co aval de todos os grupos aínda que, na sesión plenaria da propia Cámara Baixa, o decreto que formalizou o recorte só recibiu este xoves os votos a favor do PP. Os demais grupos votaron en contra agás UPN e Foro Asturias, que se abstiveron.

Rosana Pérez, en pé, xunto a Olaia Fernández Davila no Congreso © Congreso dos Deputados
Rubalcaba, na comparecencia CC-BY-NC-SA PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.