Rajoy frústralle ao Sergas o novo sistema enerxético dos hospitais de Ferrol

Vista do hospital Arquitecto Marcide, en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Os recortes do Goberno central seguen chegando ao plano do concreto e frustrando plans, tamén en Administracións da mesma cor política. A Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde vénse de ver obrigada a frear en seco a contratación do novo sistema enerxético dos hospitais públicos de Ferrol. O pasado 30 de decembro, este departamento da Consellería de Sanidade iniciaba, pola vía "urxente" un procedemento que levaría a Xunta a investir ata 18,8 millóns de euros nunha operación que implicaba tamén, no mesmo paquete, o "mantemento e conservación de edificios, instalacións e equipos" do Hospital Naval e do Arquitecto Marcide. Pero a menos dunha semana de que rematase o prazo para que as empresas interesadas presentasen as súas ofertas, o pasado 28 de xaneiro houbo que cambiar de plans "por razóns de interese público".

A razón da suspensión está na fin das primas ás renovables decidida polo Estado

Esas razóns "de interese público" aludidas polo director de Recursos Económicos, Pablo Torres, no escrito no que xustifica á renuncia do contrato débense a que os custes previsto se elevarían moi notablemente sobre o previsto. A razón hai que buscala no Real Dectro Lei 1/2012 do 27 de xaneiro, no que o Ministerio de Industria procedeu á "suspensión dos procedementos de preasignación de retribución e á supresión dos incentivos económicos para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de coxeneración, fontes de enerxía renovables e residuos", isto é, as primas ás enerxías renovables, cuxa desaparición pon tamén moitas nubes no horizonte do desenvolvemento eólico de Galicia.

Así as cousas, a decisión do Goberno central fai que a "urxencia" deste contrato, reflectida no Diario Oficial de Galicia do pasado 13 de xaneiro, xa non sexa tal. Segundo o mesmo documento, o Sergas ten a intención de "proceder a unha nova licitación", aínda que evítase concretar prazos temporais. Será unha vez que os pregos de condicións do contrato estan "adaptados á situación resultante" da decisión do gabinete de Mariano Rajoy,

Vista do hospital Arquitecto Marcide, en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.