0 Gardados para despois

A dirección do BNG ve unha estratexia "planificada" de baixas "escalonadas" na formación

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha "planificación" para abandonar o BNG de forma "escalonada". É a estratexia que a secretaria de organización do BNG, Montse Prado, asegura que se está a desenvolver no seo da formación frontista nas últimas semanas. Despois de que en días pasados a asemblea nacionalista de Antas de Ulla anunciase a súa "disolución" e os catro concelleiros elixidos polo Bloque en Ames decidisen tamén pedir a baixa xunto a unha corentena de militantes, a dixirente non cre nas casualidades. "Hai persoas que tomaron a decisión de abandonar o BNG e isto pódese facer de dous xeitos: comunicar cantas persoas e abandonalo, ou pódese optar" por "ir abandonando cada día, para magnificar".

"O que podía ser noticia dun par de días convertémolo nun pinga a pinga"

Durante a presentación dunha campaña contra a reforma laboral, Prado considerou "evidente" que hai militantes que están "a optar por esta segunda vía, e o que podía ser unha noticia dun par de días, convertémolo nun pinga a pinga". "Haberá que preguntarse a quen favorece ese intento de transmisión" dunha situación "tremenda" que, afirma, non se corresponde coa realidade. Neste escenario, sinala que, por exemplo, malia á marcha do colectivo Ames Novo, "na asemblea local de Ames a maioría das persoas seguen a ser militantes".

Fronte ás acusacións de "exclusión de ideas" que chegan precisamente dende os xa ex militantes amienses, Prado salienta que o BNG "está traballando pola unidade do nacionalismo" para que o conxunto da súa militancia "confíe" e estea "disposta a traballar". A dirección nacionalista, subliña, "segue a traballar para que todo o mundo caiba", se ben quen "non se sinta cómodo" e conclúa "que o seu proxecto non é o BNG", debe ter en conta que "o BNG ten que clarificar a súa posición, traballar nas liñas acordadas e os demais compañeiros, tomar a súa decisión". En calquer caso, para a secretaria de organización do Bloque é "evidente" que "todas as ideas caben". Así "foi no pasado e vaino seguir a ser no futuro".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O BNG de Teo abandona o goberno de Noriega

Martiño Noriega gobernará Teo en minoría. Unha vez formalizada a súa marcha do BNG xunto a sete dos nove concelleiros elixidos na lista da formación frontista das pasadas eleccións municipais, os dous edís que decidiron permanecer no Bloque anunciaron este venres a súa decisión de non seguir a participar do goberno municipal. Nunha comparecencia pública, o novo voceiro municipal, Manuel Anxo Fernández, censurou que Noriega e o resto de concelleiros non devolvesen as súas actas malia á reclamación da dirección nacionalista, atendendo ao "compromiso de lealdade" adquirido "no período electoral.

Como xa acontecera en días pasados, o Bloque teense repróchalle ao rexedor irmandiño que "descualificase" a formación frontista, se ben o responsable local, Andrés Fernández, avanza que "a intención do grupo municipal non é promover nin apoiar un cambio de goberno en Teo, senón corresponder á cidadanía que apoiou o programa e a candidatura do BNG nas últimas eleccións, esixindo ao goberno o cumprimento de dito programa" e, polo tanto, "apoiándoo no desenvolvemento dese programa e de calquera outra medida favorábel para a veciñanza".“O BNG vai actuar con responsabilidade e seguiremos traballando por e para a veciñanza de Teo”, engade o novo voceiro municipal.

Tamén durante a xornada do propio venres se pronunciou publicamente Xurxo Francos, o concelleiro que inicialmente decidira non abandonar o BNG pero apostaba pola "unidade de acción" cos edís que apoian a Noriega. A través dun comunicado remitido aos medios, Francos dá conta de que lle foi comunicada a súa baixa no Bloque. "O único que fixen nestes días foi exercer o meu dereito á liberdade de expresión, dentro dos órganos dunha organización da que formaba parte", di.