Crean unha plataforma para pedir que o PSdeG devolva a militancia ao ex alcalde de Ourense

Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE

Xa hai dous meses e medio que o que era alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, dimitiu como alcalde da cidade ao verse implicado na operación Pokemon. Suspendido cautelarmente da militancia do PSOE, a súa situación segue sen ser clara. Está suspendido pero segue a recibir e a pagar as cotas de afiliado.

Pero en Ourense, son moitos os veciños e militantes socialistas que seguen a confiar no ex alcalde. Tanto que crearon a Plataforma Cremos en Paco 2012, pola que piden "o levantamento da suspensión cautelar de militancia" do político e aseguran que o ex rexedor "terá que agardar a demostrar a súa inocencia a que se celebre o xuízo". Ademais, critican que el fose suspendido de militancia pola Executiva Nacional do PSdeG, "mentres que noutros casos semellantes, como os de José Orozco, imputado na mesma operación, ou José Blanco, implicado na operación Campeón, non se tomaron ningún tipo de medidas similares".

A plataforma cre que existen "dúas varas de medir" no PSdeG

Para esta plataforma, "existen dúas varas de medir" e incluso acusan o PSdeG de "esquecerse dos resultados electorais conseguidos" por Paco Rodríguez na cidade de Ourense "e da súa xestión á fronte da Agrupación Local da cidade, que é unha das máis numerosas de Galicia". "O PSOE non responde despois de tres meses, cando no seu día comprometeuse a revisar a suspensión cautelar a petición do propio PSdeG, nin sequera aos recursos expostos para ese efecto", asegura o colectivo, que cre "fundamental nos momentos en que estamos saber rectificar os erros cometidos para seguir adiante, tanto por este partido, como polos seus militantes, simpatizantes e cidadáns". "Por iso, e por que aínda estamos a tempo de recuperar a credibilidade perdida pedimos a adhesión a esta reivindicación popular a través da recollida de sinaturas", explica o grupo, que pide o apoio a través da plataforma change.org

O colectivo recolle sinaturas para entregarllas a Rubalcaba

A Plataforma Cremos en Paco 2012 aclara que desde o 16 ao 27 de Decembro os cidadáns poderán adherirse á devandita petición e que logo se entregarán as sinaturas á Comisión Executiva da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense "co fin de que se lle dea traslado urxente ao secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, e tamén solicitando unha resposta urxente á devandita petición, lembrando unha vez máis o tremendo erro cometido no seu día".

O colectivo mantén "a esperanza e a confianza de que desde a dirección deste partido saiban analizalo, reconsideralo e dar unha resposta importante polo ben desta Agrupación Municipal de Ourense, do Partido dos Socialistas de Galicia, do Partido Socialista Obreiro Español e por suposto de todos os cidadáns".  "Paco Rodríguez, unha das persoas máis comprometidas e leais co ideario socialista en labores orgánicos e institucionais durante toda a súa vida non poida seguir achegando a súa experiencia e traballo baixo as siglas do PSOE", finalizan.

Concentración en Ourense en apoio de Francisco Rodriguez Dominio Público Praza Pública
Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.