0 Gardados para despois

Falece Ceferino Díaz, histórico galeguista do PSdeG

Redacción | @prazapublica

Morreu Ceferino Díaz (Escairón, O Saviñao, 1947). O histórico galeguista do PSdeG, faleceu este domingo aos 65 anos de idade logo dunha longa carreira política que o levou a ser deputado no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, así como secretario xeral dos socialistas galegos de Santiago de Compostela.

Licenciado e graduado en Ciencias Económicas na USC, Ceferino Díaz foi profesor de Economía Aplicada e autor da obra A esforzada conquista dá autonomía 1979-1981. Unha ollada desde ou socialismo galego. Xa no ano 1972 afíliase ao PSG, onde foi responsable das súas mocidades e máis tarde responsable de educación. Cinco anos máis tarde, en 1977 formaría parte da candidatura do PSG por Lugo ao Parlamento español, nas que foran as primeiras eleccións democráticas tras a morte do ditador Francisco Franco.

Ceferino Díaz foi o galeguismo no PSdeG e un home clave no asentamento do autogoberno galego

Ao igual que outros moitos, en 1978 decide abandonar o PSG para ingresar no PSdeG-PSOE, formando parte do Colectivo Socialista Galego. Tan só un ano máis tarde é nomeado secretario de Relacións Políticas da formación e de 1980 a 1982 ocupa o cargo de vicesecretario xeral do partido, onde participa activamente nas negociacións para a elaboración e, nunha etapa posterior, reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. Foi un home clave e fundamental no autogoberno galego.

Ademais, en 1981 encabeza a lista socialista ao primeiro Parlamento galego pola provincia de Lugo, e convértese no portavoz parlamentario nesa lexislatura, para continuar logo como parlamentario na seguinte lexislatura 1985-89, na que é elixido presidente da Comisión de Economía do Parlamento.

Nas dúas lexislaturas seguintes (1989-93 e 1993-97) Ceferino Díaz é parlamentario galego pola provincia da Coruña, e é de novo elixido presidente da Comisión de Economía, ademais de desempeñar tamén o labor de deputado no Parlamento estatal pola provincia da Coruña e de secretario xeral do PSdeG-PSOE de Compostela.

Rubalcaba lamenta a morte dun "magnífico deputado e excelente compañeiro"; Jorquera lembra a "un amigo"

As mostras de condolencias sucedéronse xa desde que se coñeceu a noticia do seu pasamento. O PSdeG, a través da súa conta de Twitter, amosaba o seu "fondo lamento" pola falecemento dun home que "traballou e loitou polo socialismo e o galeguismo ata o último día". Tamén o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, lamentaba "a gran perda" que supoñía a marcha de Díaz para o socialismo galego, tras cualificalo como "magnífico deputado e excelente compañeiro".

Desde outras formacións políticas, Francisco Jorquera, voceiro do BNG, amosou a súa tristura por quen cualificou como "amigo" e tras destacar que "compartira moitos momentos" con el no Congreso dos Deputados. Rafael Cuiña, de Compromiso por Galicia, lamentou a perda dun "galeguista con maiúsculas".

Ninguén dubidou en cualificar de "excelente" ou "exemplar" a traxectoria política dun home ao que adxectivo de "galeguista" acompoñou case todas as referencias ao seu falecemento. No pasado mes de maio, Ceferino Díaz concedía unha entrevista a Praza con motivo dos 30 anos de autogoberno de Galicia. Naquel encontro, do que os mellores momentos se poden ver en vídeo, destaca a insistencia do histórico dirixente socialista na procura de acordos na oposición a prol dun "proxecto compartido para o país". "O Goberno non dirixe este país. Eu querería que a oposición se puxera de acordo nun proxecto compartido para este país; se o fixese, gañaría con claridade estas eleccións", dicía respecto dos comicios autonómicos que se ían celebrar no outono.

Como se lembra naquela entrevista, Ceferino Díaz repetía unha e outra vez dúas palabras que sempre foron claves no seu discurso político: "Galicia" e "proxecto". O seu corpo é velado no tanatorio de Escairón. Descanse en paz.

CC BY-NC-SA TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"O socialismo e o galeguismo quedan orfos dunha das súas personalides máis destacadas"

A Comisión Executiva do PSdeG-PSOE manifestou este domingo, a través do seu secretario xeral, Pachi Vázquez, a "fonda consternación e dor dos socialistas galegos" ao coñecer o pasamento do seu compañeiro, Ceferino Díaz. “A militancia socialista queda orfa dunha das personalidades máis salientables da longa historia do socialismo e do galeguismo”, engadiu.

Vázquez trasladou á súa familia "a solidariedade e o desexo de compartir do xeito máis sentido e próximo a dor pola perda de quen demostrou ser un exemplar referente no persoal e no político". “Poucos coma el souberon defender os nosos principios e valores democráticos, éticos, de xustiza e liberdade”.

“Poucos como Ceferino Díaz souberon defender os nosos principios e valores democráticos, éticos, de xustiza e liberdade”, di Pachi Vázquez

“A súa contribución á democracia, ao Estado do Benestar e ao autogoberno en Galicia figuran xa nos anais da nosa historia, sendo decisiva nos momentos máis difíciles, emprendendo unha loita que sería esencial para a Galicia e para o socialismo”, recordou o dirixente socialista. Tamén destacou a importancia do papel xogado polo político e profesor "na incorporación do pensamento e do sentimento galeguista e socialdemócrata á conformación do PSdeG-PSOE como partido e como alternativa á dereita en Galicia".  Tamén quixoe salientar "o histórico papel desenvolto tanto na elaboración como na reforma do Estatuto de Autonomía".

Para Pachi Vázquez "o seu exemplo de entrega e amor pola vida, a súa capacidade de continuar empurrando polos seus compañeiros en momentos de debilidade ou desorientación" fixeron de Ceferino Díaz "un recurso imprescindible" para o fortalecemento dos alicerces dos que rebrotar en circunstancias difíciles.

“Sen dúbida, Ceferino Díaz, ocupa dende hoxe un lugar prominente dentro do reducido elenco de persoeiros galegos, bos e xenerosos, que tanto fixeron por Galicia e aos que tanto lle debemos” engadiu. “Pero a súa vida, acurtada prematuramente, non foi en balde. Seguirá estando nos nosos corazóns para sempre. Descanse en paz este gran amigo, compañeiro e guía do socialismo e do galeguismo, a quen nunca esqueceremos” concluíu Vázquez.

"É unha perda irreparable como compañeiro e amigo"

O BNG emitiu un comunicado no que lamenta o pasamento do "histórico representante do sector galeguista do PSdeG", Manuel Ceferino Díaz Díaz e traslada as súas condolencias á familia e amigos. Os portavoces  do Bloque no Parlamento galego e Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila "dedican unha especial lembranza ao que fora deputado en ambas institucións  en diferentes lexislaturas e consideran o seu pasamento unha perda irreparable como compañeiro de traballo político e amigo persoal".

Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila queren destacar "a capacidade de traballo de Ceferino Díaz demostrada no Congreso dos Deputados", onde presidiu a subcomisión do Prestige amosando sempre un talante flexible e grande humanidade e que "sempre lembrarán con gran afecto".

Feijóo destaca "o seu traballo a prol de Galicia"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou o pasamento de Ceferino Díaz e destacou "o seu traballo a prol de Galicia".  O xefe do Executivo salientou nun comunicado "a contribución do dirixente socialista á historia recente da comunidade autónoma" e puxo en valor "o seu traballo tanto na Cámara autonómica galega e no Congreso dos Deputados, así como nos órganos directivos do PSdeG".

O presidente galego lembrou a "destacada achega" de Ceferino Díaz á política autonómica galega desde os primeiros anos da transición democrática e quixo trasladar "o seu pésame e o de todo o seu Executivo a súa familia e amigos así como aos seus compañeiros do PSdeG".