Feijóo volve consagrar Galicia ao déficit e renuncia a captar máis ingresos

Feijóo, tras o Consello que aprobou os Orzamentos © Ana Varela

Cumprir o límite déficit como forma de vida. É o escenario ao que semella abocado o Goberno galego e, por extensión a cidadanía de Galicia. O Consello da Xunta deulle este xoves luz verde ao envío ao Parlamento dos Orzamentos Xerais para 2013, unhas contas que contan con ter en vigor o 1 de marzo e que consagran toda a política económica do Executivo a unha única finalidade: "rebaixar a metade o déficit nun ano", resume o presidente, Alberto Núñez Feijóo. O Estado impón que a diferenza entre ingresos e gastos ten que pasar do 1,5% de 2012 ao 0,7% e para iso toca sacar a pasear a tesoira. Máis aínda tendo en conta que, un ano máis, a Xunta renuncia a captar máis ingresos, isto é, a subir, por exemplo, os impostos ás rendas altas como lle vén solicitando a oposición.

Ben ao contrario, a política tributaria seguirá encamiñada cara ás "rebaixas selectivas" e desta volta o proxecto de contas públicas trae consigo certas baixadas impositivas no ámbito dos actos xurídicos documentados, de certas compras de vivenda ou para quen invista en proxectos "emprendedores", entre outros. Neste contexto, o Goberno galego terá que funcionar con "2.500 millóns menos de ingresos que en 2009", un regreso a "niveis de 2006" que se concreta nunha perda 222 millóns a respecto de 2012. En síntese, o gasto fica limitado nos xa coñecidos 8.701 millóns de euros.

Os 8.701 millóns de teito de gasto deixan a Facenda galega en niveis do ano 2006

O resultado concreto do axuste coñecerase este venres, cando sexan públicos todos os detalles do Orzamento, se ben xa é de dominio público o recorte do salario ao cadro de persoal da Xunta. "É verdade que se pide un esforzo aos funcionarios públicos", admite a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, quen tenta, non obstante, suavizar a tesoirada enfatizando que a perda de soldo é "inferior á de 2012". Na mesma liña de procurar apaciguar os acendidos ánimos do persoal público, que protestou no exterior de San Caetano durante a reunión do Consello, semella ir o anuncio lanzado por Feijóo na mesma comparecencia, segundo o cal os empregados e empregadas da Administración poderán recibir en xaneiro un "anticipo" da recortada paga extra de xullo.

Un 10% máis para a débeda

Pero neste contexto de desplome do gasto público non todo son caídas. Como vén acontecendo nos últimos tempos tanto en Galicia como no Estado hai unha partida que se salva da queima, a destinada aos gastos financeiros, isto é, a pagar xuros e a devolver débeda. Desta volta é "só un incremento do 10%", explica Muñoz despois de admitir que, "fronte aos 271 millóns" de 2012, en 2013 sairán 299 millóns de euros das arcas galegas con rumbo aos bancos. Así e todo, a conselleira fai seu o lema que presidiu parte do PowerPoint co que explicou as contas, Non todas somos iguais, para especificar que "a comunidade de Galicia é na que menos se incrementa a partida dedicada a gastos financeiros" porque "é quen de controlar o nivel de endebedamento".

A partida destinada a pagar débeda xa chega aos 299 millóns mentres Feijóo insiste en que "blinda" os servizos públicos

Diante de todos estes indicadores presidente e conselleira aseguran, como xa vén facendo o Goberno galego dende 2009, que a "prioridade política" das novas contas é "o gasto social", que "pasa a ser o 77,1% do orzamento". "Quedan blindados os servizos esenciais", asegura Feijóo, que obvia neste caso a caída continuada no montante total de cartos dispoñibles para insistir en que  "aumentamos en 10 puntos a participación dos servizos esenciais nos Orzamentos" dende que chegou á Xunta en 2009. Segundo Feijóo, as "prestacións esenciais" fican "blindadas" e mesmo "o poder adquisitivo dos empregados públicos" fica "reforzado". Os detalles e os números, este venres no Parlamento e en Internet.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Feijóo, tras o Consello que aprobou os Orzamentos © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.