O PP defende o seu orzamento "das persoas": "as autonomías poderosas mírannos con envexa"

Rodríguez Arias, con Pedro Puy nunha imaxe de arquivo © PPdeG

O PP saíu este sábado ao paso do aluvión de críticas recibidas durante a xornada de venres tras a presentación no Parlamento dos Orzamentos Xerais para 2013 e, nomeadamente, do recorte social de case 160 millóns de euros nas consellerías social, con Cultura e Educación á cabeza da retallada. A vicesecretaria dos conservadores, Marta Rodríguez Arias, acrecenta as proclamas do propio Goberno para, nun comunicado remitido aos medios, non só salientar o "marcado carácter social que teñen os Orzamentos da Xunta", senón asegurar que outras autonomías teñen "envexa" de Galicia.

"A Xunta tivo que elixir entre investir nos galegos ou facelo en cemento e obras públicas, e apostou principalmente polo primeiro", di Rodríguez Arias par aferrarse a que "case oito de cada dez euros irán destinando a gasto social, a porcentaxe máis alta rexistrada nunca nuns Orzamentos autonómicos en Galicia". A xuízo da parlamentaria popular a "aposta polas políticas de benestar deste Goberno soporta a comparación con calquera orzamento deseñado por unha administración progresista", xa sexa esta "local, provincial, autonómica ou nacional, pasada ou presente", enfatiza.

"Resiste a comparación con calquera orzamento deseñado por unha administración progresista", di Rodríguez Arias

Neste sentido, a popular remítese ás comunidades "tradicionalmente máis poderosas que Galicia" en ámbitos como "o PIB por habitante ou a cantidade e calidade de servizos públicos" para asegurar que agora senten a devandita "envexa" pola "nosa contención do déficit, pero tameń pola nosa capacidade para manter e mellorar os nosos alicerces sociais no actual contexto". "É evidente que nos gustaría poder deseñar un orzamento expansivo, pero non podemos elixir os tempos que nso tocou vivir e xestionar", di Rodríguez Arias, parafraseando ao propio Feijóo. "En todo caso -resolve- 2013 pode ser o epílogo da crise se xestionamos ben os nosos recursos". Para os grupos da oposición cabe preguntarse se o proxecto orzamentario para 2013 é algo máis ca "unha inocentada".

Rodríguez Arias, con Pedro Puy nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.