O BNG esíxelle a Fomento que non suba os prezos nos trens de media distancia

Rosana Pérez, en pé, xunto a Olaia Fernández Davila no Congreso © Congreso dos Deputados

Que o Ministerio de Fomento free "a decisión de Renfe de aumentar nun 3%" os prezos dos billetes nos trens de cercanías e tamén nos de media distancia, isto é, os antigos "rexionais". É a reclamación que vén de lanzarlle o BNG ao Goberno central despois de coñecer a entrada en vigor desta suba a partir do vindeiro 1 de xaneiro, un incremento de prezos que, di a deputada Rosana Pérez, "se suma á suba do IVE que se aplicou en setembro", polo que "os billetes de tren están encarecendo de maneira significativa", o que ao seu xuízo prexudica de modo especial a Galicia.

A parlamentaria nacionalista sinala que, "Galiza é das poucas comunidades autónomas que non conta cunha rede ferroviaria de cercanías" aínda que "teña máis poboación que outros territorios" que si dispoñen dela. Por este motivo, sinala, "preocupa" aínda máis "o que poida suceder cos trens de media distancia", xa que "o incremento dos billetes é unha medida disuasoria" que impedirá "aumentar o número de viaxeiros e apostar polo transporte colectivo". "Tamén preocupan as previsións do Ministerio de Fomento para este tipo de trens", máis aínda ante a previsión de eliminar a conexión entre Ourense e Sanabria.

Rosana Pérez: "Resulta máis ca discutíbel o criterio da eficiencia económica cando se ofrecen servizos obsoletos"

"Preocupa seriamente a intención do Goberno de eliminar da obriga de servizo público os trens que non sexan eficientes dende o plano económico", afirma Pérez, xa que isto "supón a porta de entrada para o desmantelamento de servizos ferroviarios que en comunidades como Galiza se deberían potenciar ao careceren de rede de cercanías". Ademais, afirma, "resulta máis ca discutíbel o criterio da eficiencia económica cando se ofrecen servizos obsoletos, con tempos de viaxe nada competitivos e que fan fuxir os potenciais usuarios".

Por este motivo, ademais de reclamar que os prezos non suban, Rosana Pérez pregúntalle tamén ao Ministerio polas súas "previsións en relación aos servizos ferroviarios de media distancia na Galiza", concretamente "se vai suprimir servizos". "De ser así, non se deberían formular alternativas como a mellora dos rexionais para aumentar o número de usuarios en lugar de eliminar servizos?", cuestiona. Así as cousas, e "dada a complicada situación económica, non se deberían aprobar subas de ningún tipo" nos prezos e o Goberno "debería estudar dende unha perspectiva global a situación dos servizos de media distancia", conclúe.

Rosana Pérez, en pé, xunto a Olaia Fernández Davila no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.