Feijóo reclámalle "unidade" á oposición dende a casa de Rosalía

Feijóo, na casa de Rosalía de Castro © Xunta

Novo horario e novo escenario para unha vella reclamación. O presidente da Xunta trasladou neste 2012 a súa mensaxe de fin de ano da noite ao mediodía, máis proclive para os horarios mediáticos, e dos seu anteriores emprazamentos -a residencia oficial de Monte Pío e a Cidade da Cultura- á casa na que Rosalía de Castro viviu nos seus derradeiros anos, en Padrón, á que o presidente se refire como "casa natal" da autora aínda que esta naceu en Santiago. Despois dun ano no que os grupos da oposición tentaron, sen éxito, lograr recoñecementos oficiais para a poeta como un día escolar dedicado á súa figura Alberto Núñez Feijóo pronunciou o seu discurso dende a Casa da Matanza para "lembrar que o ano próximo se cumprirá o 150 aniversario de Cantares gallegos" e, dende alí, reclamarlles "unidade" a eses mesmos grupos políticos.

Rosalía, di Feijóo, retratou unha "negra sombra" que "quedou para sempre como símbolo da fonda amargura dun tempo no que Galicia aparecía escurecida". As "negras sombras do noso presente", segundo o xefe do Goberno galego, "teñen enfronte á sociedade galega", "unida polos vencellos da concertación, a cooperación e o entendemento". Nun contexto no que "quero agradecerlle sinceramente que renovasen a confianza no noso proxecto -en referencia ao resultado electoral do 21 de outubro-" Feijóo presenta ante a cidadanía o seu modelo económico como referencia estatal en "eficiencia e disciplina" económica. "Por que non facer de Galicia un paradigma de unidade política?", pregúntase.

"Por que non facer de Galicia un paradigma de unidade política?", pregúntase

Segundo Feijóo esa "unidade" é "demandada polos cidadáns, tamén para saír adiante" na crise e por iso asegura ter a "esperanza" de poder "defender Galicia" cada vez "con máis achegas e colaboración do resto de forzas, especialmente do principal partido da oposición", afirma, repetindo así a chiscadela cara ao PSdeG que xa lanzara durante o debate de investidura. "Cara a fóra Galicia é unha comunidade estable, con rumbo seguro e horizonte certo, que camiña ao carón de España e Europa", proclama, polo que "cara a dentro" debe ser "unha gran familia unida polos problemas e as solucións. "A galeguidade é unha man tendida ao galego que temos ao noso lado e aos que comparten con nós unha mesma visión do progreso e da liberdade", asegura.

Paro e Galicia "emigrante"

Co país batendo récords de desemprego Feijóo asegura saber, no remate do ano, que "cada paisano sen emprego supón unha traxedia individual, pero é algo que nos afecta a todos e a todos nos obriga a buscar respostas". "Eses galegos", di, están xa "presentes en todas as decisións" do seu Goberno e por iso "máis cedo que tarde lograremos entre todos cambiar a situación". "Recalco que debe ser entre todos", subliña, porque "houbo un tempo no que a defensa do ideal colectivo era reservado a poetas como Rosalía" pero "hoxe todos podemos defender Galicia, cadaquén dende as súas responsabilidades".

"Máis cedo que tarde lograremos cambiar a situación", di sobre o paro

Neste contexto, e dende o convencemento de que a súa xestión é xa un referente por "afrontar as dificultades con máis anticipación que outras comunidades", o xefe do Executivo asegura que a súa descrición de Galicia "faise presente" tamén "no exterior", onde se observa que "o noso país mestura tradición e modernidade". "Somos o emigrante capaz de compartir a fidelidade á súa terra de orixe co compromiso coa terra de adopción", pero tameń "a gran empresa que compite e é fiable" ou "o pobo que logrou manter os seus servizos públicos malia á incerteza xeralizada da nación española". O ano 2013, sempre segundo a versión presidencial, será "o tempo para empezar a rexurdir".

O presidente, na casa de Rosalía © Xunta
© Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.