0 Gardados para despois

Un grupo de militantes aviva a dicotomía de Máis Galiza ao apostar pola permanencia no BNG

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Dous bloques dentro dunha formación que non decidiu se permanecer ou non dentro do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Máis Galiza afronta unha semana decisiva que a levará ben a seguir os pasos do Encontro Irmandiño, ben a subscribir a opción de Carlos Aymerich. Unha terceira proposta de resolución urxente vén de facer máis evidente a dicotomía que existe dentro de +G sobre este aspecto. Manifesto asinado por unha vintena de militantes que aposta por seguir dentro do BNG pero cun condicionante que, en calquera caso, non é menor.

Ao seu entender o Bloque debe crear "un novo marco de convivencia" de maneira inminente, de xeito que "antes" das eleccións autonómicas se asuma que hai "dous grandes proxectos" que conflúen no BNG. Seguir, pero con cambios dentro dunha estrutura fundamentalmente controlada pola UPG.

Os asinantes desta terceira alternativa son: Francisco Xavier Cerqueira Villarroel (militante de Vigo) Manuel Monge González (militante da Coruña), Eduardo Fernández Abel (militante de Lugo), Ramón Antonio Iglesias Ferreiro (militante de Bergantiños), María Teresa Castro Villaverde (militante da Costa da Morte),Carmen Martinez Corbalan (militante de Vigo), Mª Teresa Guiances Coto (militante Vigo), Cristina Fernandez Piñeiro, (militante do Val Miñor), Inma Oriol Janeiro (militante da Mariña), Ramón Veras Castro (A Coruña), Mónica Castro Nogareda (militante da Laracha), Raúl Francés Rodríguez (militante do Condado), Benedicta Exposito(Militante Vigo) Cristina Martínez Souto (militante do Baixo Miño), Dominga Brion (miltante da Barbanza), Mari Luz Álvarez Lastra (militante da Mariña), Ana María Martínez Fernández (militante da Mariña), Mercedes Giráldez Santos (militante do Morrazo).

 

A proposta

Na opinión destas persoas que subscriben, apoian e asinan esta proposta de resolución, "a XIII AN non serviu para pechar a crise na que o BNG leva instalado desde hai anos". Entenden que, "lonxe de construír unha base sólida sobre a que asentar a convivencia entre os dous grandes proxectos nacionalistas as teses e a actitude da dirección persisten nunha clarificación ideolóxica dificilmente compatíbel coa pluralidade que debería ser consubstancial ao BNG". Estes militantes entenden que os problemas non só están na casa do BNG, senón tamén na propia: "Tamén en +G se viven momentos de incerteza diante da nosa asemblea do 11 de marzo onde se vai propor deixar de ser corrente no BNG para acadar maior autonomía de acción e incidencia política".

Un dos puntos nos que fai máis fincapé esta proposta é o da "coherencia". Aseguran os militantes que a subscriben que Máis Galiza foi creada para "cambiar o BNG desde dentro" e que, despois da pasada asemblea, cómpre "non dar a mensaxe" de que "marchamos porque perdemos". "Iso nos debilita como proposta real de cambio", inciden. Malia todo, a presentación para a votación desta proposta non implica que haxa "medo" a deixar o Bloque: "simplemente supón actuar con prudencia, darnos tempo para marcar unha estratexia que nos posibilite a construír o instrumento axeitado e posteriormente tomar as decisións que como partido político constituido consideremos máis oportunas".

Proposta de resolución

En definitiva, este colectivo de militantes aposta, e así o propón ao resto de persoas que integran Máis Galiza, que esta "siga a traballar dentro do BNG para lograr un novo marco de convivencia de tal xeito que, antes das próximas autonómicas, se logren avances serios, reais, públicos e verificábeis no sentido de sentido de asumir que no nacionalismo galego hai dous grandes proxectos e que, para conviviren na mesma organización, esta dualidade ten que se reflectir a todos os niveis".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A opción de marchar

Fronte a esta nova proposta de resolución, que opta pola permanencia -con condicionantes-, está a xa formulada por un copioso número de membros do Consello Político Nacional de +G. Neste caso consideran que non hai máis opción que a da saída do Bloque. "Abandonar o Bloque Nacionalista Galego e o modelo de organización frontista, co ofrecemento de manter todas as canles de colaboración e comunicación abertas, e sen desbotar a posibilidade de establecer futuras alianzas que poidan considerarse útiles para acadar obxectivos comúns", cita a proposta. "Facemos extensivo este convite á participación conxunta a todas organizacións políticas e os axentes e movementos sociais cos que compartimos obxectivos e aspiracións, e abrimos as portas de Máis Galiza a todas as persoas que, coa súa afiliación, poidan facer deste xermolo que hoxe agroma, un instrumento útil e eficaz para o noso país".

Os asinantes desta resolución son: Xoan Bascuas, Xosé Carballido, Gonzalo Constenla, Manuel González, Xulia Guntín, Paulo Carlos López, María Méndez, Carlos Varela, Sandra Arauxo, Xosé A. Laxe, Belén Pazos, Andrés G. Mata, Manolo Bello, Xerardo Díaz, Jessica Polo, Fco. Fernández, Saúl Santím, Quico Paz, Tino Cordal, Marcos Pena, Andrés Núñez, Sara Torreiro, Xosé Chorén, Íñigo Ansotegui, Vitoriano Oxea, Xoán Rama, Xabier Freire, Alberte Muiño, Xabier Míguez e Lola Caramés.

A resolución do grupo de Xoán Bascuas ou Paulo Carlos López vai máis alá e deseña un plan de acción encamiñado ao futuro fóra do BNG. Así, plantexan o "deseño, aprobación e execución dunha estratexia de actuación no eido electoral de cara aos comicios nacionais galegos. Este plano construírase sobre a idea central de que é desexábel confluír coas outras forzas políticas nacionalistas e galeguistas que compartan os principios da xustiza e da igualdade social". Esta estratexia está pensada ante o "posible" adianto electoral a outono.

Para quedar no BNG

A terceira proposta opta, como a que se vén de facer pública, pola permanencia dentro do BNG. O manifesto "Tamén connosco" considera que o BNG "construíu un proxecto común" que non debe desaparecer. Por esta razón fan un "chamamento sobre a necesidade de continuidade dese proceso dinámico e en constante revisión que significa o BNG do futuro, unha ferramenta imprescindíbel para esta nación en marcha que ten que centrar os seus esforzos en traballar para transformar a sociedade".

Entre os puntos que compoñen este manifesto, os militantes chaman á atención sobre "os acertos" que o BNG tivo ao longo da súa historia, dos que "pode sentirse orgulloso". Con todo, tamén se fai autocrítica, afirmando que "o BNG tamén debe recoñecer os seus erros, avalialos e rectificar cando for preciso" e apostando por "estabelecer un diálogo continuo entre os seus membros, manter unha interacción e comunicación fluída tanto interna como externamente". En conclusión, os que subscriben esta proposta piden "un novo esforzo ao conxunto do nacionalismo para conseguir que o BNG sexa unha organización nacionalista integradora e útil para Galiza, apartando intereses de parte, visibilizando e fortalecendo os moitos puntos en común máis que as diferenzas, definindo un denominador común".

Entre os asinantes están Carme Adán, Elvira Cienfuegos, Evencio Ferrero, Xavier Vence, Nel Vidal, Alba Nogueira, Francisco Alvedro, Xurxo Borrazás ou Manuel Monge.