Aymerich subliña que Domínguez busca "renovación" ao deixar a portavocía do BNG en Vigo

Aymerich e Domínguez, nun acto público CC-BY-NC-SA BNG

"A renovación do grupo municipal do BNG en Vigo". É o obxectivo que, en verbas do vicevoceiro do BNG no Parlamento e líder da corrente interna Abrente, Carlos Aymerich, procura Santiago Domínguez coa súa marcha da portavocía do Bloque no Concello vigués. Vinte e catro horas despois de que a dirección dos nacionalistas na cidade confirmasen unha decisión que viñan adiantando algúns medios locais dende había varios días Aymerich procurou este luns, a preguntas da prensa, disipar dúbidas a respecto de posibles presións para forzar a marcha. Ben ao contrario, asegura, "algúns tentamos convencelo de que non o fixese, pero non foi posible".

Asegura Aymerich que o relevo "era unha decisión" que o que fora director xeral para o Deporte na Xunta "tiña tomada dende había tempo". "Quería facela pública unha vez que estivesen aprobados os orzamentos" do Concello e agora, sinala, "vai seguir traballando no grupo municipal", onde ao seu xuízo "deixa o listón moi alto para quen o suceda". "Falo dende a amizade", advirte, antes de afirmar que "Santi Domínguez sempre foi un exemplo de militancia e á hora de ostentar cargos públicos" e agora, afirma, "está sendo un exemplo" ao "poñer o colectivo por diante do individual" para procurar a devandita renovación.

Aymerich: "Algúns tentamos convencelo de que non o fixese, pero non foi posible"

As verbas do parlamentario chegan despois de que o BNG de Vigo enmarcase a dimisión de Domínguez nunha "decisión persoal" que "foi trasladada polo propio Santi Domínguez ao grupo municipal e ao Consello Local, sendo rexeitada por unanimidade por este organismo". A través dun comunicado o Bloque explicou que o responsable local da formación, Miguel Pérez, subliña "que en ningún caso se fixo presión", nin sequera "ningunha suxestión" a respecto dunha marcha que, afirman, responde á intención do edil de "dar un paso atrás na súa carreira política e abrir a porta para que a organización decida o futuro en Vigo a medio e longo prazo". "Trátase dun exemplo de responsabilidade política que honra a quen leva seis anos exercendo de líder do BNG en Vigo", abonda Pérez.

Neste contexto, dende o Consello Local dos nacionalistas explican que Domínguez xa se puxera "á disposición da organización" tras as eleccións municipais de 2011 e "foi a propia organización quen rexeitou a súa dimisión, considerándoo a persoa máis axeitada para encabezar o grupo municipal". Neste contexto, din, "o BNG vigués en ningún caso contemplou a posibilidade de cambiar de portavoz municipal", cargo que agora será renovado conforme a unha elección que "lle corresponde en exclusiva ao Consello Local de Vigo", aclaran.

Aymerich e Domínguez, nun acto público CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.