0 Gardados para despois

A Xunta defende a empresa do salvamento marítimo ante a morte dunha percebeira

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Fronte á petición de explicacións, pechada defensa da empresa privada. A conselleira do Medio Rural e do Mar acudiu este mércores ao Parlamento para presentar os orzamentos do seu departamento e atopouse con tres esixencias de rendición de contas, unha por cada grupo da oposición, pero non só en materia financeira, senón polo sucedido o pasado decembro, cando a tardanza dun helicóptero de salvamento marítimo se saldou co falecemento dunha mariscadora en Oia. PSdeG, AGE e BNG reclaman coñecer os detalles do sucedido pero, sobre todo, as razóns que levaron a Xunta a permitir que a empresa estivese máis dun mes sen gardas presenciais, feito que derivou en que o tempo de resposta de 10 minutos ao que está comprometida por contrato se convertese en máis de media hora. Non houbo explicacións, pero si xustificación para a empresa.

Rosa Quintana detalla que á empresa privada que xestiona o servizo por un contrato de máis de 30 millóns de euros, Inaer, "se lle presentou un caso de forza maior, déronselle de baixa catro pilotos" simultaneamente "e non puido ter operativo o servizo de 24 horas presencial", estipulado en dous pilotos, se ben "o rescatador e os mecánicos estaban en servizo presencial vinte e catro horas". En calquera caso, Quintana tenta fuxir do caso concreto para ir ao xeral e proclamar ante a oposición que "se hai unha comunidade que aposte polo salvamento marítimo é Galicia". "Foi o PP o que creou o servizo na comunidade autónoma de Galicia cando é competencia exclusiva do Estado", subliña.

A oposición non conseguiu datos do accidente, pero si obtivo máis xustificacións: a do paso da xestión do servizo a mans privadas. "O que fixeron é un auténtico escándalo", "privatizan o servizo, véndenlle á empresa dúas aeronaves por moito menos do que acabábamos de compralas teoricamente para aforrar e agora vemos como no orzamento imos gastar catro millóns máis; unha auténtica estafa", critica Tereixa Paz dende o BNG. "De que serve o aforro se non se salvan vidas? Os recortes matan", advertiu o voceiro de AGE, Antón Sánchez, para quen a conselleira debera presentar a súa dimisión. "Non se pode falar de privatización porqeu non hai ningún piloto que sexa funcionario da Xunta nin do Estado", retruca a conselleira, quen ademais esquiva as críticas polo feito de que Inaer sexa a mesma empresa que tamén se fixo coa privatización dos helicópteros contra incendios: "presentouse unha única empresa", afirma.

"No ámbito do salvamento están a realizar unha política criminal", recriminou a voceira do BNG

En calquera caso, Quintana rexeita unha das acusacións máis duras do debate: "No ámbito do salvamento marítimo están realizando unha política criminal" por "antepoñer o negocio á vida das persoas", sinalou a voceira do BNG apoiada polo seu homólogo de AGE, quen instou a titular de Medio Rural e Mar a reflexionar sobre o feito de que na sesión se estaba a "falar de política" e, neste ámbito, "as decisións ás veces poden causar mortes". "Podo aceptar calquera crítica, pero é moi duro aceptar que me chamen criminal", resposta a conselleira, en cuxa opinión cómpre ter "moi en consideración o esforzo que está facendo toda a sociedade galega para manter este servizo", isto é, para sufragar os 30,8 millóns de euros cos que se financia o contrato con Inaer.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"A Alimentos Lácteos non se lle deu unha soa axuda"

A comezos de 2010 a Xunta remataba o impulso da entrada da empresa de nova creación Alimentos Lácteos na antiga fábrica de Leite Pascual na vila luguesa de Outeiro de Rei. Para facerse coa actividade da factoría a nova compañía precisou o apoio financeiro do Goberno galego, o mesmo que se lle negou ás cooperativas que, encabezadas por Feiraco, apostaban por reflotar a fábrica e impulsar, ao mesmo tempo, un grupo lácteo galego.

Tres anos despois daquela operación a fábrica de Outeiro está de novo inmersa en fondos problemas económicos: o cadro de persoal, que sofre importantes atrasos no pagamento dos seus salarios, asegura que a factoría está a funcionar a arredor dun 4% da súa capacidade real e algúns gandeiros xa deixaron de servirlle leite. Neste contexto os tres grupos da oposición reclaman que Rosa Quintana dea explicacións por un proxecto que herdou da etapa de Samuel Juárez na consellería.

"Ese morto, Alimentos Lácteos, no que levamos investidos máis de 5 millóns de euros, non é viable e vostedes non din nada", reprochou a nacionalista Tereixa Paz. "Que vai pasar cos traballadores, cos gandeiros e cos cartos que se achegaron por parte da Xunta", cuestionou o voceiro de AGE, Antón Sánchez. "Vai facer algo co tema de Alimentos Lácteos?", abondou Pablo García, do PSdeG. "A Xunta a Alimentos Lácteos  non lle deu unha soa axuda, deulles préstamos participativos, como a calquera outra empresa", resolveu a conselleira.