O cruce de camiños de Bárcenas e Audasa

Luis Bárcenas © El Diario

Unha das poucas actividades económicas recoñecidas por Luis Bárcenas á marxe das súas responsabilidades como tesoureiro do Partido Popular é a súa relación con Autopistas del Atlántico (Audasa). Así o fixo constar na declaración de actividades que entregou en 2008 ao tomar posesión do seu escano de senador popular por Cantabria. E así figura tamén nos documentos dos bancos suizos nos que Bárcenas tiña depositados cando menos 22 millóns de euros. Nun e noutro lugar figura que Bárcenas era presidente del sindicato de obligacionistas de Autopistas del Atlántico (Audasa).

Bárcenas exerceu durante anos ese labor de xestión e representación dos posuidores de bonos daquela emisión de 180 millóns de euros

O 27 de febreiro de 2002 a Xunta xeral extraordinaria de accionistas de Audasa acordou proceder á emisión de bonos por un total de 180 millóns de euros. Seguindo o procedemento previsto pola lei e tal como figura no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil do 11 de abril de 2002 "los tenedores de las obligaciones que se emitan formarán parte necesariamente del Sindicato de Obligacionistas, a cuyo efecto se desgina como Comisario con carácter provisional a don Luis Bárcenas Gutiérrez".

Bárcenas exerceu durante anos ese labor de xestión e representación dos posuidores de bonos daquela emisión de 180 millóns de euros. Así pois o tesoureiro do Partido Popular mantiña unha relación estreita coa empresa concesionaria e coa que as administracións gobernadas polos populares, nomeadamente o Goberno central, tiñan que negociar con frecuencia. Foi tamén neses anos cando Bárcenas incrementou de forma notable o seu patrimonio, ou cando menos cando o declarou de forma legar ante a administración tributaria xusto nos anos nos que o PP ocupou o Goberno central. Bárcenas multiplicou por 3,5 o seu patrimonio entre 2002 e 2007, e por catro as súas rendas no mesmo periodo.

No ano 2000 a cambio da prolongación da autoestrada entre Fene e Ferrol e de que o treito de enlace desde Rande até Puxeiros fose gratuito os populares concedéronlle a Audasa unha prórroga da concesión de 25 anos, de 2023 a 2048

As relacións entre a concesionaria da AP9 e o poder político sempre foron moi estreitas e decote existiu un toma e dálle no que fronte ás reclamacións para que Audasa limitase o incremento do prezo das peaxes ou mesmo liberase algún treito da autoestrada a empresa lle reclamaba á administración unha extensión do periodo de concesión. O máis importante destes acordos tivo lugar no ano 2000, gobernando José María Aznar, e sendo ministro de Fomento Francisco Álvarez Cascos. A cambio da prolongación da autoestrada entre Fene e Ferrol e de que o treito de enlace desde Rande até Puxeiros fose gratuito os populares concedéronlle a Audasa unha prórroga da concesión de 25 anos, de 2023 a 2048. 

Luis Bárcenas © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.