O BNG estreita lazos coa esquerda abertzale a prol da "soberanía"

Vázquez e Moreno, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

O BNG estreita lazos coa esquerda abertzale. A formación frontista recibiu este mércores unha delegación dos grupos políticos actualmente representadas no Parlamento vasco por EH-Bildu para, a través do seu responsable de relacións internacionais, Niko Moreno, amosar o acordo de ambas forzas na necesidade de reivindicar o dereito á "soberanía" como a mellor vía para afrontar as dificultades económicas. En rolda de prensa conxunta o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, expresou xunto ao dirixente abertzale o seu convencemento de que "a dependencia política ten relación directa coa crítica situación que está a pasar Galiza", porque "os problemas do noso país só se solucionarán coa soberanía política".

Coas eleccións europeas de 2015 no horizonte -para as que o BNG aínda non abordou a súa política de alianzas pero ante as que se ve máis próximo a forzas como Bildu que ao PNV ou CiU, antigos aliados-, Vázquez e Moreno concordan en que no actual contexto do Estado español e da Unión Eopea "hai que optar por camiños alternativos que pasan necesariamente pola soberanía nacional". Ao contrario do que afirma "o españolismo rampante", di, esta reivindicación ten unha vertente netamente práctica. Así, por exemplo, pregúntase "como podería facer Islandia" a súa xestión económica e a súa reformulación da débeda soberana "sen soberanía.

"Estamos ante unha política letal, por iso temos que falar como forzas nacionalistas sobre como buscar unha saída á crise", di Guillerme Vázquez

"O debate de hoxe en día no Estado español e no mundo é o da soberanía, porque a través do modelo neoliberal, globalizado e negador é como se extraen as plusvalías e se mantén esta situación". "Con ese modelo -afirma- o noso país está condenado a emgrar, despoboarse e envellecer". "Estamos ante unha política letal" e por iso, explica, "temos que falar como forzas nacionalistas sobre como buscar unha saída para a crise económica", explica.

Esta cuestión será abordada tamén por Moreno este mércores nunha conferencia en Compostela organizada polo propio BNG. Neste sentido, explica o político vasco, a súa visión é que "vivimos unha crise que afecta a todos os valores da civilización que coñecemos, e iso trasládase ao Estado español". O "modelo constitucional do 78 fai augas por todas partes", asegura, e iso acontece "porque foron incapaces de responder ás necesidades das diferentes nacións do Estado". Neste contexto, coida, "o dereito a decidir é o que hai que poñer enriba da mesa, despois virán os proxectos políticos concretos".

Vázquez e Moreno, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.