"Hai grupos inmobilistas que semellan botar de menos a época máis dura do conflito vasco"

Niko Moreno, na sede nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Niko Moreno é actualmente unha das voces máis representativas da esquerda abertzale. Dende o seu cargo de responsable de relacións internacionais destes grupos políticos, o que fora alcalde de Elorrio (Bizkaia) por ANV encárgase de tender pontes con outras forzas "soberanistas e de esquerdas" para amosar de primeira man a marcha do proceso de "normalización" do panorama político vasco, pero tamén para compartir impresións sobre o "debate de fondo sobre a reformulación do Estado" que, afirma, se está a producir neste tempo de dura crise económica. Precisamente iso é o que veu facer nestes días xunto ao BNG, cuns encontros dos que marcha con "boas sensacións".

Veu a Galicia falar de soberanía e de dereito a decidir, pero tamén da saída da crise. Por que considera que ambas cuestións van da man?
Por unha cuestión moi básica. A crise económica que estamos vivindo, que é estrutural, do sistema, ten raíces moi profundas e o que estamos vendo é que ningunha das medidas que se aplican, supostamente para saír dela, está funcionando. Porque responden aos intereses das clases financeiras oligárquicas e dominantes. No conxunto do Estado español estase vendo que estas medidas se deciden fóra, neste caso fóra de Madrid. E iso lévanos a pensar que a única maneira para saír da crise dende uha perspectiva de esquerdas pasa, necesariamente, por establecer un novo modelo socioeconómico, produtivo e de relacións. E iso neste momento só é posible cunha capacidade de decisión absoluta e con control absoluto dos resortes dun Estado que sexa quen de dotarse dun corpo legal suficiente.

Neste momento, as cesións de soberanía do Estado estanse a producir cara a Bruxelas...

"O Estado está aproveitando a crise para facer desaparecer a pouca capacidade de decisión que había na periferia

O Estado está aproveitando este contexto de crise para facer cesión da súa soberanía pero á vez  todas as medidas están xerando unha desaparición da pouca capacidade de decisión que podía haber na periferia. Co cal, as medidas tómanse fóra das fronteiras do Estado, diríxense dende Madrid e impóñense ao resto. Esa é a radiografía.

A esquerda abertzale está a darlle moita importancia a establecer contactos noutros puntos do Estado. Por que ese interese?

"É o momento de fortalecer as posicións soberanistas, isto lévanos a fortalecer as relacións con Catalunya e Galicia"

Porque entendemos que neste momento de crise económica estase dando tamén un debate necesario sobre a reformulación do Estado. O Estado español está nunha situación de crise política e institucional e o que estamos vendo é que se está aproveitando para abrir un debate con dúas formulacións, unha supostamente federal por parte do PSOE e de Izquierda Unida e unha fórmula, vista a inviabilidade económica do Estado, que é a recentralización formulada pola dereita e UPyD. Isto lévanos a pensar que hai un debate soterrado, non declarado, de fondo, e aínda que a nós como independentistas non nos incumbe a forma, si nos vai afectar. Entendemos que é un momento moi importante para fortalecer as posicións soberanistas e independentistas, iso lévanos a fortalecer as relacións con Catalunya e Galicia, tamén sen perder de vista outras acumulacións que se están producindo en Balears, no País Valenciá ou na propia Andalucía.

O panorama político vasco está a recuperar certa normalidade nos últimos anos coa volta, por exemplo, da esquerda abertzale ao Parlamento. Que falta, na súa opinión, para que esa normalidade sexa plena?
Hai unha cuestión que non podemos esquecer: a esa normalidade se se chegou foi, en gran parte, polos movementos quefixo a esquerda abertzale no seu conxunto. O que falta para completar esa normalidade é que os outros axentes, o Estado español  fundamentalmente pero tamén o Estado francés, dean os pasos que teñan que dar cara á superación total do conflito, falando de presos e vítimas, como tamén para algo tan fundamental como o establecemento dun marco de diálogo de cara ao desmantelamento das infraestruturas militares de ETA.

Existe un escenario de ausencia de violencia pero a esquerda abertzale analiza que non é exactamente así...

"O Estado continúa cunha actitude de bloqueo e mantén a ameaza permanente sobre a esquerda abertzale"

O Estado continúa cunha actitude de bloqueo, mantén a represión e toda a batería de medidas legais, mantén a ameaza permanente cara á esquerda abertzale. En todo o proceso son constantes as ameazas a Bildu ou Amaiur sobre declaracións, etc. Existen aínda resortes que utiliza o Estado para facer fronte ao conflito vasco.

Temen que esas advertencias poidan chegar a concretarse nalgún paso máis, como o inicio dalgún proceso de ilegalización?
Neste momento, coas condicións que se dan e co evidente e apoio que supuxo ao proceso a Conferencia de Aiete, a existencia do grupo internacional de contacto, o apoio internacional e a internacionalización dos factores de solución supoñen un paraugas que debera ser suficiente. En todo caso, a calidade democrática do Estado español é maís que dubidosa e aínda existen elementos de carácter involucionista que non terían problemas para formulalo. De feito, no propio Parlamento está UPyD e algúns elementos doutras formacións que proclaman a ilegalización. Co cal, a semente está.

Nas institucións nas que están presentes veñen falando da reparación de “todas as vítimas”. Como vai ese proceso?

"Somos conscientes de que o proceso vai ser longo, houbo feridas e sufrimentos, pero queixámonos de sectores nada proclives ao diálogo"

Estamos batendo unha e outra vez coa intransixencia e a instrumentalización das vítimas por parte dalgúns sectores, fundamentalmente agrupados en torno á AVT e organizacións tipo Manos Limpias que están enquistados, que quizais botan de menos a época máis dura do conflito e están en posicións absolutamente inmobilistas. Non é menos certo que por parte do colectivos de presos e por parte dalgunhas vítimas asociacións de vítimas nalgunhas zonas do Estado se permitiron contactos e houbo experiencias que nos indican por onde se pode ir. Somos conscientes de que vai ser longo, de que houbo feridas, houbo sufrimento, pero queixámonos de certos sectores nada proclives a unha solución dialogada en termos democráticos.

Catalunya vén de elaborar a súa proposta de soberanía. EH-Bildu podería establecer unha alianza semellante co PNV para unha declaración dese tipo ou para abrir algún tipo de proceso?
O convite aí está e a proposta de EH-Bildu tamén, é clarísima. Pero nós non vemos ao PNV co mesmo impulso que poidan ter os seus equivalentes en Catalunya, CiU. Tamén hai que avanzar máis no proceso de normalización antes de abordalo. Non hai que lanzarse a un proceso soberanista cando aínda temos consecuencias do conflito sen reparar.

Neste sentido, pensando nas eleccións europeas pero non só, a esquerda abertzale contempla xa algunha política de alianzas, que inclúa ao BNG ou a outras forzas?

"Hai un debate aberto de fondo no Estado e é unha oportunidade, iso compartímolo tamén cos compañeiros do BNG"

Aínda non estamos nesta fase e iso compartímolo tamén cos compañeiros do BNG. Estamos nunha fase na que hai que estudar, temos que compartir visións e tentar establecer bases porque é evidente que hai un debate aberto de fondo no Estado e é unha oportunidade. E a calidade e a magnitude desa oportunidade depende da capacidade que teñamos de artellar un modelo potente a nivel estatal. Hai moitos flocos que atar, pero aínda non estamos nesa fase, estamos aínda a compartir análises a respecto da evolución da estrutura do Estado e a cuestións como o dereito a decidir.

Con que sensacións marchan tras o contacto co BNG, hai visións comúns da cuestión?
Temos unha boa relación, compartimos e tivemos a oportunidade de comprobalo, principios en torno ao dereito á decidir, á necesidade de artellar fórmulas para poder realizalo e sobre que nestes momento a situación de parálise social na que estamos, a única vía que se pode ofrecer pasa por formulacións nestamente de esquerdas, progresistas e soberanistas.

Niko Moreno, na sede nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.