A moción de censura en Vilamartín "só responde ás necesidades do baltarismo", segundo o BNG

Vilamartín de Valdeorras Dominio Público Praza Pública

Hai uns días o PP regresou ao poder neste pequeno concello de Valdeorras, que goberna de forma ininterrompida dende hai décadas, coa única excepción dos dous anos de alcaldía do PSOE, que se pecharon coa moción de censura da pasada semana. A agrupación local do BNG no Concello, que non conta con representación municipal, é moi crítica coa nova alcaldesa, María Jesusa Candal, pero tamén fai extensiva esta valoración aos restantes grupos con representación.

Para o BNG o PP tomou a decisión "para desviar e tapar as vergoñas da política clientelar que ven desenvolvendo a Deputación" e para tomar posicións de cara ao congreso provincial dos populares

O BNG cre que a moción de censura "só responde ás necesidades do baltarismo" e que o PP tomou a decisión "para desviar e tapar as vergoñas da política clientelar que ven desenvolvendo a Deputación" e para tomar posicións de cara ao congreso provincial dos populares. Os nacionalistas afirman tamén que a operacion estivo "cimentada sobre o engano masivo aos votantes de APGa, traizoados e empregados como moeda de cambio" e que os concelleiros populares e os dous independentes que apoiaron a moción "están nos plenos exercendo de sicarios políticos do Baltarismo". Para o BNG a moción de censura buscou "o poder polo poder, sen importar o máis mínimo se as cousas funcionan ben ou non, sen tentar melloralas, só se trata de acadar a foto e a ocupar a institución e unha maior cota de poder posible".

"Para falar da unidade de Vilamartín hai que artellala ao redor de proxectos, de ideas, non de persoas"

Critican tamén que se sitúe a xente de Vilamartín "nun debate continuo de conmigo ou contra min". E defenden que "para falar da unidade de Vilamartín hai que artellala ao redor de proxectos, de ideas, non de persoas, rexeitamos frontalmente un neocaudillismo que dista moito da democratización real que se precisa para integrar a todas e todos os veciños". Conclúen que se debe apostar "por traballar en prol de unha democratización maior das institucións e do concello, como única ferramenta para integrar e procurar unha unidade real do pobo".

Vilamartín de Valdeorras Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.