Feijóo rífalle ao PP de Santiago e négalle "apoio" a quen "fomente división"

Feijóo, ao remate do Consello da Xunta © Conchi Paz

Que o PP de Santiago non é unha balsa de aceite non é novidade dende hai anos. Nos longos anos de oposición foron diversas as liortas internas que non adoitaban transcender alén de Compostela. Non ser partido de Goberno non impediu, por exemplo, os conflitos entre o grupo de afíns a Gerardo Conde Roa e os chamados pilladistas -por estaren oficiosamente liderados por David e Carlos Pillado- ou a imaxe de dirixentes abandonando de malos modos a sede local ao coñeceren a configuración das listas para as municipais. Paradoxalmente é agora, cando os conservadores composteláns lograron tocar poder, cando as espadas están en todo o alto, nun lume avivado primeiro pola dimisión de Conde Roa e despois polas dúas imputacións do actual alcalde, Ángel Currás. O periplo xudicial non preocupa -polo momento- en exceso á dirección autonómica do partido, pero si os enfrontamentos. Ata o punto de que quen agora pide orde en público é xa o propio Alberto Núñez Feijóo.

Despois de que, durante os últimos días, fose Alfonso Rueda quen interviu en público e en privado para tentar apagar o incendio da capital, este xoves Feijóo aproveitou as preguntas da prensa tras o Consello da Xunta para lanzar a súa propia advertencia aos inquilinos do Pazo de Raxoi. Mentres Currás agarda por que a súa principal rival interna, Paula Prado, abandone o Concello tras o seu nomeamento como voceira autonómica do partido, o presidente da Xunta lémbralles aos grupos internos do PP santiagués que "a confianza que obtivo" a formación "nas eleccións municipais, nas xerais e nas autonómicas se debe" a que o electorado "advirte unidade no PP de Galicia".

"É posible opinar e discrepar, pero non se pode anticipar ou antepoñer as diferenzas entre membros dun goberno aos intereses xerais", dille Feijóo ao PP compostelań

Tras anos empregando os movemento internos doutras formacións políticas como artillería electoral, ao xefe de filas popular "preocúpalle" especialmente o que sucede en Santiago. "É perfectamente posible opinar e discrepar" pero "non se pode anticipar ou antepoñer as diferenzas entre distintos membros dun goberno aos intereses xerais". Por que? Porque "a unidade é fundamental para gañar as eleccións". Así as cousas, Feijóo lanza un aviso a navegantes, advertindo de que non acudirá ao rescate de ninguén. "Quen crea que fomentando a división vai ter o apoio do partido ou do seu presidente, equivócase", proclamou dende o atril de San Caetano.

"A división non ten cabida no PPdeG", acrecenta mentres se tramitan os expedientes pola espantada dos edís que deixaron en minoría o alcalde de Ames e mentres o PP de Pontevedra recompón o seu grupo municipal. E a "actividade xudicial"? "Respecto á presunción de inocencia", reitera Feijóo, "partidario", non obstante, "de que se dean todas as explicacións". "Estaremos atentos a todo o que ocorra" e "imos ver os detalles nos que se vai basear a declaración do alcalde e as pesquisas xudiciais" non no caso Pokémon, senón pola denuncia dun policía local "expedientado por, presunatmente, utilizar un coche policial para facer arranxos na súa casa" que acusa a Currás -e tamén a Conde Roa- de acoso laboral e prevaricación.

Neste escenario, o pasado mércores Currás negaba ante a prensa ter "nada que ver" cos supostos feitos que denuncia o axente, quen di que foi presionado para ocultar o atestado referido a quen fora número tres da candidatura municipal do PP, Ángel Espadas, interceptado pola Policía cando durmía no interior do seu coche, parado nun semáforo e baixo os efectos do alcol. "Eu non teño nada que ver con iso", asegura.

Feijóo, ao remate do Consello da Xunta © Conchi Paz
Currás e Prado, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.