0 Gardados para despois

Bascuas optará a liderar Máis Galiza se o novo partido marcha do BNG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"A miña impresión é que a maior parte da militancia vai optar por saír". A cinco días da Asemblea Nacional na que Máis Galiza decidirá se permanece ou non no BNG, os polos internos rematan de clarificarse. Despois de que, nos últimos días, unha trintena de membros do Consello Político da corrente que agora lidera Carlos Aymerich presentase unha proposta de resolución encamiñada a deixar o Bloque e vinte afiliados fixesen o propio cunha proposta para permanecer na formación frontista, os que apostan pola creba veñen de dotarse de cabeza visible. O actual secretario de Imaxe e Publicacións do Bloque, Xoán Bascuas, optará a ser secretario xeral de +G se o novo partido decide o propio domingo día 11 iniciar unha andaina en solitario.

Unha vez concretada a candidatura, Bascuas céntrase en facer unha chamada á participación na asemblea. "É importante que os militantes decidan o que fai na súa casa", asegura en declaracións a Praza Pública, nun contexto no que tamén subliña a necesidade de que "cantos alleos a Máis Galiza" non inflúan na decisión de quedar ou marchar. "Poden influír múltiples factores" e por iso, di, "o importante é que todos fagamos parte" das votacións.

A candidatura de Bascuas non implica necesariamente que vaia haber máis dunha lista

O feito de que Xoán Bascuas vaia optar á secretaría xeral de Máis Galiza non implica necesariamente que o faga nunha votación con máis dunha candidatura. Dado que os órganos de dirección do novo partido se elixirán unha vez sometida á asemblea a permanencia ou non no Bloque, no seo de +G contémplase como moi probable a posibilidade de que os partidarios de quedar, se a decisión é marchar, ou viceversa, non decidan concorrer á secretaría xeral nin ao resto de postos directivos.

Quen xa marchase tamén poderá votar

Neste contexto será no que se celebre unha asemblea na que, finalmente, tamén poderán votar os militantes de +G que xa non o son do BNG. Mentres que algunhas asembleas locais, como a de Vigo, e tamén algúns membros da dirección non consideraban conveniente que isto sucedese, o Consello Político Nacional decidiu que todos os afiliados poidan participar do conxunto das decisións da cita asemblearia.

Nos órganos de dirección do novo partido poderá haber ata un 25% de simpatizantes

Fronte a estes militantes que xa marcharon e fronte aos que tamén desexan marchar sitúanse algunhas das que ata agora foron cabezas visibles de +G, con Aymerich á fronte e, xunto a el, cargos institucionais destacados como o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, que xa anunciou publicamente a súa intención de permanecer no Bloque cando menos ata o remate do seu mandato para así atender ao compromiso adquirido nas urnas, explicou. En calquera caso, os propios textos que se someterán á votación da asemblea tamén contemplan unha vía para a convivencia dentro do novo partido entre militantes e non militantes do BNG. No caso de que a asemblea decida a permanencia, quen aínda así se dea de baixa no Bloque poderá ter condición de simpatizante de +G, e o mesmo ao contrario. As persoas que teñan condición de simpatizante poderán tamén acceder aos órganos de dirección, ata un límite do 25% dos seus membros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Guillerme Vázquez agarda que "unha parte importante" de +G fique no Bloque

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosou este martes a súa confianza en que, tras a asemblea de Máis Galiza, "unha parte importante, se non é a totalidade" dos seus militantes continúen a formar parte da organización frontista. A preguntas dos xornalistas durante un reparto de material informativo sobre a campaña nacionalista contra a reforma laboral, Vázquez sinalou que non depende del que os integrantes da actual corrente e futuro partido sigan a ser militantes do Bloque, se ben explicita que lle gustaría que así fose. "Por min, que fose a totalidade".

Nesta liña, e mentres cargos destacados de +G como Carlos Aymerich xa manifestaron a súa intención de permanecer no BNG, Vázquez sinala que a dirección nacionalista é consciente da "pluralidade" da fronte, na que tamén teñen cabida as posicións de Máis Galiza, conclúe.