O PSdeG pide á Xunta que se amplíe o obxectivo de déficit para acadar 456 millóns adicionais

Losada, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria na que reclama a ampliación dos prazos para acadar o obxectivo de déficit, o que concedería a Galicia 456 millóns de euros adicionais en 2013. Nesta proposición non de Lei, sinala que a Comisión Europea "acaba de flexibilizar os obxectivos de déficit para España, o que aínda non se ten trasladado aos requisitos que o goberno lle impón a Galicia".

O PSdeG pide que se "flexibilice o obxectivo de déficit" para 2013 e se pase do 0,7% do PIB ao 1,5%

Nun comunicado, Losada reclama que o Goberno "flexibilice o obxectivo de déficit" para que en 2013, en lugar do 0,7% do PIB, este fose do 1,5%. "Esta modificación supón sobre uns 456 millóns de euros adicionais, xa que cada décima adicional supón aproximadamente 57 millóns de euros", destaca.

De non facerse, din os socialistas, "os grandes servizos públicos veranse fondamente afectados"

Así, o PSdeG quere que a Xunta se dirixa ao Goberno de España para modificar os obxectivos sobre o déficit futuro “en base ás prórrogas concedidas pola Comisión Europea na senda de consolidación fiscal das finanzas públicas”. Do contrario, advirte que “os grandes servizos públicos, fundamentalmente sanidade e educación, veranse fondamente afectados”.

Losada advirte que a estratexia do PP de centrarse en exclusiva na “loita sen cuartel contra o déficit” supón en realidade “unha ralentización da actividade económica, recesión, incremento do desemprego, caída da recadación fiscal e, polo tanto, ou mais déficit ou unha miseria cruel para unha boa parte da poboación”.

Ademais, Losada lémbralle a Feijóo que “xa organismos económicos internacionais como o FMI recoñecen que esta vía en exclusiva non leva a ningunha parte e só supón mais dificultades económicas para os grupos máis vulnerables da sociedade”.

"O PP alíase co sector cegado pola ideoloxía reaccionaria da loita contra o Estado en favor do mercado"

Apunta ademais que “o camiño sen saída que supón esta vía de actuación vén sendo denunciado dende hai tempo polos partidos políticos de esquerda en Europa, ao tempo que a case totalidade do mundo académico, que a considera unha vía morta”.

Tamén acusa o PP de aliñarse co sector “cegado pola ideoloxía reaccionaria da loita contra o Estado en favor dun mercado que só busca o seu beneficio”. Apunta que a estratexia de centrar a consolidación fiscal na loita intensa a curto prazo contra o déficit público “constitúe un erro de enorme importancia que, ademais de agochar decisións exclusivamente ideolóxicas, prexudica enormemente a a Galicia”.

Abel Losada, voceiro parlamentario do PSdeG Dominio Público PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.