A oposición únese contra a "mordaza" que a presidenta impón ao Parlamento

Pilar Rojo pronuncia un discurso ante a Cámara © Xoán Crespo

Toda a oposición únese ante a decisión da presidenta do Parlamento de Galicia de prohibir os grupos políticos convidar a cidadanía aos plenos, unha medida que os tres partidos con representación na Cámara, agás o PP, consideran "unha mordaza" para vetar a discrepancia. Apoiándose nos incidentes sucedidos o pasado decembro, cando persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas interromperon un pleno coas súas protestas xerando momentos de importante tensión, a dirixente popular decidiu impedir que os parlamentarios realicen convites, polo que, de agora en diante, ninguén presenciará un pleno sen a súa autorización.

Malia a polémica xurdida, Rojo volveu defender este sábado a medida, asegurando que non está no seu "ánimo impedir a entrada de ninguén". "Non vou pechar a tribuna de convidados nin impedir que se presencien os plenos, pero ten que haber respecto", manifestou.

O BNG asegura que é Feijóo quen toma a decisión e advírtelle que "o PP non é o dono do Parlamento"

Así, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiulle este sábado a Núñez Feijóo de que “o PP non é o dono do Parlamento” e anunciou o grupo nacionalista vén de decidir "dirixirse ás demais formacións parlamentares para, entre todos, acordar medidas para evitar que esta decisión do PP se leve a cabo”.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Nacional do BNG, que, acordou convocar a Asemblea Nacional para o domingo 17 de marzo, o portavoz nacional subliñou que a decisión da presidenta da Camara “non a toma ela unilateralmente, senón que é unha decisión do presidente da Xunta, do señor Feijóo”.

Guillerme Vázquez denunciou que a proposta “é antidemocrática e totalmente errada, porque non é o Partido Popular o dono, o propietario, do Parlamento Galego”. Yolanda Díaz, vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) coincidiu en cualificar a medida como o intento da dereita de "poñer unha mordaza" a cidadanía, froito "das políticas fascistas do PP". Ademais, advertiu que o seu grupo non descarta acudir aos tribunais se Pilar Rojo teima na súa iniciativa.

AGE culpa da medida ás "políticas fascistas do PP" e o PSdeG anuncia que levará a súa queixa á Mesa do Parlamento

Ademais, o voceiro do grupo socialista, Abel Losada, anunciou tamén que os representantes do PSdeG levarán as súas protestas "polo peche das portas da institución", á reunión da Mesa do Parlamento do vindeiro luns. O responsable socialista insta a presidenta da Cámara que "recapacite e restaure a normalidade na Cámara autonómica" logo dunha decisión, a de impedir que os grupos conviden a cidadanía ás sesións plenarias, que resulta de "extrema gravidade" por canto distancia ás institucións representativas dos seus representados. En caso contrario, advirte, “tomaremos as medidas necesarias para reparar os dereitos da cidadanía”.

Losada lembra que o Parlamento e os deputados que o integran "deben dar contas diante da cidadanía, e o deber da presidenta da Cámara é o de garantir que os cauces de diálogo estean abertos e sexan fluídos". Engade que "a decisión unilateral do PP e de Pilar Rojo de decretar unha sorte de estado de excepción na Cámara autonómica atenta directamente contra a calidade do noso sistema democrático".

Yolanda Díaz vincula a decisión co convite a delegados do sector naval para a vindeira semana

Para o BNG, con esta decisión “o PP quere seguir amordazando á discrepancia coas súas políticas nefastas e ocultar a verdade”. Por iso, advertiu de que “con esta decisión do PP salta todas as liñas vermellas, é inaceptábel e faremos todos os esforzos para que non vaia adiante”.

Por outra banda, Yolanda Díaz (AGE) relaciona a decisión de Pilar Rojo coa visita que varios delegados sindicais do sector naval tiñan previsto facer na vindeira semana. Represententes do comité de Navantia aseguran que acudirán, xa que ninguén lles explicou o motivo polo que non poderán acceder ao Parlamento.

Pilar Rojo, presidenta na VIII Lexislatura © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.