O veto á cidadanía nos plenos do Parlamento bordea as normas da institución

Sesión plenaria do Parlamento © Parlamento de Galicia

"As sesións do pleno serán públicas". É o principio xeral que establece o Regulamento do Parlamento de Galicia, norma xeral da institución, para regular o acceso ás xuntanzas do lexislativo galego. Redactado a comezos dos anos 80, este principio referíase, obviamente, á posibilidade de que a cidadanía accedese ás sesións plenarias e non a que puidesen ser seguidas por Internet, como é posible facer na actualidade. No mesmo artigo o Regulamento presenta unha serie de "excepcións" vinculadas cos temas a tratar en cada pleno, pero nunca coa posibilidade de que se produzan incidentes, na que a actual presidenta da Cámara, Pilar Rojo, xustifica o seu veto a que os grupos políticos conviden a quen consideren oportuno.

Nos supostos excepcionais o Regulamento explica que non serán públicas as sesións do pleno nas que "se traten cuestións que atinxan ao decoro da Cámara ou dos seus membros, ou da suspensión dun deputado" ou "cando se debatan propostas, ditames, informes ou conclusións elaborados no seo da Comisión do Estatuto dos Deputados", órgano que pode tratar datos persoais dos parlamentarios e parlamentarias. Aínda existe un terceiro suposto, "cando o acorde o pleno por maioría absoluta dos seus membros, por iniciativa da Mesa do Parlamento, da Xunta, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos membros da Cámara. En calquera caso, ese carácter "secreto" sería só para unha sesión concreta, e non para os plenos en xeral.

A normativa dálle á presidenta a posibilidade de actuar no caso de incidentes, pero non estipula a aplicación de medidas 'preventivas' de carácter subxectivo

Tampouco hai referencia ningunha á guerra preventiva contra eventuais incidentes nos artigos do Regulamento dedicados á "orde dentro do recinto parlamentario", nos que si se lle confire á persoa titular da Presidencia a autoridade de "velar polo mantemento da orde dentro de todas as dependencias do Parlamento", se ben este precepto se desenvolve para explicar que quen ocupe o cargo que agora ostenta Pilar Rojo pode poñer en marcha "as medidas que considere pertinentes" no caso de que se produzan altercados, "incluída a de poñer á disposición xudicial as persoas responsables".

Así as cousas, a normativa detalla que "calquera persoa que no recinto parlamentario, en sesión ou fóra dela, promover desorde grave coa súa conduta de obra ou palabra será inmediatamente expulsada". No caso "das sesións públicas", isto é, dos plenos, á presidenta correspóndelle "velar polo mantemento da orde nas tribunas" e "os que nestas desen mostras de aprobación ou desaporibación, perturbasen a orde ou faltasen á debida compostura serán inmediatamente expulsados do pazo por indicación da Presidencia, ordenando, cando o estime conveniente, que os servizos de seguridade da Cámara levanten as oportunas dilixencias por se os actos producidos puidesen ser constitutivos de delito ou de falta".

Neste contexto, todo semella o indicar que no espírito da norma elaborada polos primeiros lexisladores e lexisladoras da autonomía estaba dotar á Presidencia da capacidade para procurar a orde en caso de desorde e para promover sancións contra as persoas responsables. O que non parece que estivese presente na base regulamentaria é a aposta por regular o acceso ao Parlamento baseándose na posibilidade subxectiva de que as persoas convidadas poidan provocar incidentes, toda vez que quen os provoca unha vez xa non pode ser obxecto dun novo convite.

Sesión plenaria do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.