A Xunta desdeña as alternativas da oposición para obter ingresos e paliar recortes

Elena Muñoz intervén observada por Feijóo e conselleiros © Conchi Paz

Os debates de Orzamentos son as sesións parlamentarias máis densas do ano. Nelas o debate político habitual mestúrase cunha marea de cifras por veces difícil de seguir, máis aínda se, como este martes, a cuestión das contas públicas é fagocitada pola fenomenal treboada política provocada pola prohibición de que os grupos parlamentarios conviden a cidadanía ao hemiciclo. Neste contexto foi no que PSdeG, AGE e BNG presentaron ante o pleno as emendas coas que pretendían reordenar parte do proxecto económico do PP. Esencialmente, os grupos da oposición pretendían incrementar os ingresos e paliar os recortes, pero as iniciativas bateron coa maioría absoluta do PP, que neste caso se saldou con 41 votos en contra, os conservadores e 3 a favor, un por cada representante da oposición.

Coa bancada opositora despoboada e con sensibles ocos nos escanos conservadores pola banda do BNG o encargado de presentar a alternativa na sesión de tarde foi o seu vicevoceiro, Carlos Aymerich. Entre as partidas que os nacionalistas propuñan mobilizar estaban "149 millóns para políticas de recuperación do emprego", nomeadamente un "plan extraordinario de fomento do emprego", con "contratación directa para xente nova". O Bloque reclamaba tamén "50 millóns para reforzar a protección social", 26 para "mellorar o ensino público" ou 18 para vivenda, dos cales 14 irían "para combater de forma efectiva os desafiuzamentos". "Non imos cambiar o mundo, pero algunhas persoas poderían pasar a noite nunha cama quente", ilustrou Aymerich, quen reprochou tamén que os populares non contemplasen aceptar a emenda coa que o BNG pretendía "un millón para axuda á cooperación e desenvolvemento".

O BNG reclamaba 149 millóns para emprego, AGE un paquete de medidas fiscais de 150 millóns

A materia social foi tamén o cerne da intervención da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, que contrapón a vontade do seu grupo para "explorar todas as posibilidades tributarias" coa política "contumaz" da Xunta, que "goberna sempre para os seus aliados de clase". Nomeadamente, explica Díaz, AGE apostaba por levar adiante "un paquete de medidas fiscais por importe de 150 millóns de euros". Este plan contemplaría, por exemplo, subir o tramo autonómico do IRPF "para as rendas por riba dos 60.000 euros". Tamén avoga polo "mantemento do imposto de patrimonio con carácter permanente" para así "conseguir 20 millóns de euros", ou por crear novos impostos "sobre vendas retallistas de hidrocarburos" e "sobre o dano ambiental causado por usos de auga ancorada", por importe doutros 20 millóns.

O PSdeG censura que a Xunta non aplicase un imposto sobre os depósitos bancarios

Impostos sobre grandes superficies ou sobre "bebidas de alto contido en azucres" son outras das propostas de Alternativa que desbotou o PP, o mesmo que lle aconteceu á emenda coa que o PSdeG pretendía "incrementar os fondos dispoñibles en 464 millóns". Como os outros dous grupos da oposición, os socialistas reclamaban incrementos "no IRPF e no imposto de patrimonio", explica Abel Losada, quen tamén debullou os motivos polos que, ao seu xuízo, en Galicia sería positivo "un imposto que grave os depósitos das entidades financeiras", aínda que agora o Ministerio de Facenda "fixo o truco" fixándoo "no tipo cero". "As comunidades que o tiñan implantado van recibir unha compensación, aquí miramos para o aire", lamenta.

O "rescate" para o control público do novo hospital de Vigo ou o control da débeda pública foron outras das demandas que tamén caeron en saco roto. Á oposición "gústalle moito pintar ingresos", di a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, que entre recorrentes referencias á "época do bipartito" defendeu as "medidas tributarias claras" da Xunta, mellores, ao seu xuízo, que os impostos "claramente regresivos" que propón á oposición. Ao cabo, conclúe, socialistas, nacionalistas e AGE "queren que esta comunidade resulte rescatada" por parte do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.